Volta e Dálle Teatro abre o domingo 18 o programa cultural do Gustavo Freire

La Voz LUGO

LUGO

Volta e Dálle, con «Falar por falar»
Volta e Dálle, con «Falar por falar»

Haberá actuacións teatrais no auditorio ata o 10 de decembro

17 oct 2020 . Actualizado a las 16:18 h.

Volta e Dálle Teatro abrirá o domingo 18 a programación cultural do Gustavo Freire. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou esta semana o programa teatral que terá lugar no Auditorio Municipal ata final de ano, enmarcado nos actos do segundo semestre do 2020. Maite Ferreiro explicou que «en total son 18 propostas, que se unen ás xa programadas no primeiro semestre e que tiveron que ser adiadas pola pandemia, e as programadas especificamente para este semestre».

«Quixemos poñer o foco nas producións de artes escénicas de mellor calidade feitas na Galiza, que serán o fío condutor da programación, e contaremos tamén con obras internacionais de calidade contrastada», explicou Maite Ferreiro, que engadiu «esta programación está pensada para o deleite das amantes do teatro e para facilitar un achegamento a esta arte por primeira vez».

A programación inclúe un total de 12 propostas para público adulto (ás 20.30 horas) e 6 para familias (ás 18.30 horas). Para acceder ao recinto será preciso adquirir entrada no portal entradaslugo.es ou de maneira presencial na oficina municipal de turismo, cun prezo de 5 euros nas actividades para público adulto e de 3 euros nas actividades familiares. As persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG terán un desconto do 30% nas actividades para público adulto.

Desde o Concello explican que todas as representacións cumprirán cos protocolos habituais nas actividades organizadas pola área de Cultura. Ferreiro lembrou que «asistir a actividades culturais pode facerse de maneira segura» e animou á veciñanza «a descubrir e gozar do teatro con seguridade».

O programa para este segundo semestre é o seguinte:

· Domingo 18. Falar por falar, de Volta e Dálle Teatro. 20.30 horas. Carlos Santiago e Víctor Mosqueira protagonizan unha peza dirixida por Carlos Santiago, na que se propón un achegamento á realidade da lingua galega, desde a propia vivencia dos falantes e os non falantes, cando «todo indica que o futuro da lingua galega é incerto».

· 22 de outubro. Onde viven os monstros, de Os Náufragos Teatro (familiar)

· 25 de outubro. Celebraré mi muerte, de Joan Fernández

· 29 de outubro. Castrapo, de Os Náufragos Teatro

· 30 de outubro. Hara. solo a dos voces, de Andrés Corchero e Agustí Fernandez

· 1 de novembro. Pínconús, de Pínconús (familiar)

· 5 de novembro. Nómades, de Xarope Tulú (familiar)

· 6 de novembro. Leira, de Nova Galega de Danza

· 8 de novembro. O mellor dos catro e., de Pepe Vaamonde

· 12 de novembro. Electra, de Teatro do Chapitô

· 13 de novembro. As v. máis longas, de Diego M. Buceta

· 15 de novembro. Mai mai, de Baobab Teatro (familiar)

· 19 de novembro. Só, a cargo de Xampatito Pato (familiar)

· 22 de novembro. Furia necesaria, de AldaoLado

· 26 de novembro. Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro

· 29 de novembro. Crónicas do paraíso, de Sarabela teatro

· 3 de decembro. Carabela, de Galeatro (familiar)

· 10 de decembro. Bernarda Vilalba 1975, de Malasombra Teatro