O museo e o xacemento poden coñecerse desde a casa cunha completa visita virtual
27 mar 2020 . Actualizado a las 12:41 h.As visitas virtuais están sendo durante estas semanas de corentena polo coronavirus a vía de escape e de acceso ao coñecemento e á cultura para os cidadáns. O castro de Viladonga é unha desas alternativas, pois a través dunha completa visita virtual, os internautas poderán coñecer todos os segredos do xacemento e do museo, e completar o percorrido con vídeos, fotografías ou información que está accesible na web https://viladonga.xunta.gal/gl/castro/visita-virtual.
O castro de Viladonga, no municipio de Castro de Rei, foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia no 2009 e conta a carón cun museo, ao que tamén se pode acceder cunha visita virtual. O museo destaca polo seu labor de conservación e difusión do patrimonio arqueolóxico, así como pola súa actividade didáctica e dinamizadora.
O xacemento conta con varias murallas e fosos, que albergan antecastros e unha ampla croa (a parte alta). Pódense apreciar restos de vivendas, currais, almacéns, camiños, murallas... «As estruturas defensivas e de habitación, así como os moi abundantes materiais que continuamente proporciona este xacemento arqueolóxico (e que se expoñen de xeito selectivo no seu museo anexo), evidencian que o castro de Viladonga tivo un asentamento ou ocupación duradeira e especialmente importante sobre todo entre os séculos II e V da nosa era, o que o converte nun sitio clave para coñecer, estudar e comprender a evolución do mundo dos castros e do ámbito rural na etapa galaico-romana», segundo explican na web.
Pero o castro tamén estivo habitado antes da chegada dos romanos, como evidenciaron os últimos achados arqueolóxicos, con restos de construcións datadas entre os séculos II e I antes de Cristo. No 2018 apareceu un alxibe de catro metros de profundidade que servía para almacenar auga dun manancial que na actualidade está seco, pero tamén restos dunha calzada e dunha muralla.
Unha nova campaña arqueolóxica en marcha tivo que paralizarse pola crise do coronavirus, aínda que xa estaban ás portas de comezar os traballos de restauración, xa coas labores de escavación, rexistro e documentación moi avanzadas.