A miña dieta informativa diaria precisa de regulación e control para ter unha vida saudable. Polas mañás, almorzo con información política, debates, que hai uns días se centraron na posible revisión do delito de sedición para non ter que mollarse na concesión dun indulto.
E, cara ao mediodía, o acordo entre os pais de Julen, o neno que morreu hai un ano, e o propietario do terreo, previo pago de 180.000 euros. Quedei descolocado, ou pola resaca das novas do día anterior ou con mal corpo polas novidades.
Ao mediodía, os medios adorméntannos antes de benefactora sesta coa ración diaria de violacións, asasinatos machistas, abusos de todo tipo, xuízos mediáticos… de xeito que ata as novas tráxicas dos temporais chegaban amortiguadas.
Pola tarde, repaso na prensa escrita temas que nos desbordan: maltrato a Galicia polo impago da débeda, aumento aos funcionarios, o enésimo debate sobre a educación sexual, o alta velocidade que non da chegado, ou o deputado do BNG no Congreso que non vai á inauguración da lexislatura por coidar que non ten sentido…
E un, aliviado por non terlle caído na cabeza ningunha das lousas e uralitas que o vento derrubou eses días, confortouse con novas que respiran humanidade, como que a voceira do BNG deu a luz unha nena, ou que o presidente da Asociación contra o cancro, o padronés Xosé Bustelo, proclame que estamos ás portas de conseguir controlar esta enfermidade.
E así un día e outro, coidando, como Astérix, que están tolos estes romanos, e que calquera día o ceo pode derrubarse sobre as nosas cabezas. Se nos cae, non nos collerá confesados, pero si preparados, e totalmente inocentes de todo o que nos poida acontecer.