2004: Bágoas polo cantor da Terra Chá

Manuel María, falecido na Coruña hai 15 anos , mantivo un gran vencello coa súa comarca, onde aínda é lembrado


VILALBA / LA VOZ

«Ollada a Terra Chá dende as alturas / é semellante a un mar en calma. / Pra medila só valen dúas mensuras: / ferrados de corazón, fanegas de alma!». Quen falou así da Terra Chá foi Manuel María, cuxa morte, ocorrida hai 15 anos (faranse o vindeiro domingo), fixo correr un río de bágoas sobre o amplo e calmo mar chairego.

Faleceu na Coruña, onde levaba anos vivindo, aínda que o seu vencello coa terra de orixe amosouse xusto despois da morte, como se amosara en non poucos momentos ao longo da súa vida. O poeta está enterrado en Outeiro de Rei, onde nacera en 1930 e a onde chegaron os seus restos tras seren velados no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago.

Non é casualidade que un dos máis coñecidos libros de Manuel María sexa o titulado Terra Chá. Por outra banda, unha das máis famosas cancións de Fuxan os Ventos, O carro, é unha adaptación dun poema seu no que a comarca aparece xa nas primeiras palabras («Non canta na Chá ninguén...»). Se con eses dous exemplos se ve como a comarca ía dentro do autor outros feitos da súa vida non quedaron atrás en valor simbólico: por exemplo, a capital chairega acolleu, no 2003, o seu acto de ingreso na Real Academia Galega.

Comprobado, pois, que Manuel María, tamén residente durante anos en Monforte, fixo da Terra Chá un dos eixes da súa vida, a súa presenza na comarca de orixe mantense viva 15 anos despois. A fundación que leva o seu nome ten como sede a súa casa natal, na que se gardan libros e obxectos persoais do poeta e na que se desenvolven actividades ao longo do ano.

Por outra banda, a Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos entregan todos os anos o premio Chairego de honra a alguén vencellado coa comarca, e tamén organizan cada 8 de setembro, data da súa morte, diversos actos na súa memoria.

En Outeiro de Rei, ademais, a Real Academia Galega rendeu homenaxe, o 17 de maio do 2016, a Manuel María como protagonista do Día das Letras Galegas. Houbo actos na Casa da Cultura e tamén na sede da devandita fundación, e aos discursos de políticos e académicos uniuse a intervención dos presentes para cantar O carro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
34 votos
Comentarios

2004: Bágoas polo cantor da Terra Chá