Gran devoción popular ao Santísimo

marcos calles / xulio xiz

LUGO

En Lugo creáronse asociacións que amosan fonda relación co «Sacramento dos Sacramentos»

30 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O secular privilexio da exposición permanente do Santísimo na

Catedral de Lugo, nado do profundo sentimento da comunidade cristiá lucense cara o “Sacramento dos Sacramentos”, presenta na proliferación de agrupacións de adoradores unha das súas características máis destacadas. A Adoración Nocturna iniciouse en Lugo en 1885, cando o viveirense Luis de Trelles y Noguerol (?1891), impulsou este movemento eucarístico aos oito anos do seu comezo, sendo responsable da fundación das Camareras de Jesús Sacramentado de Lugo, en tempos do ilustre prelado Gregorio Aguirre (?1913).

Entre as agrupacións lucenses está tamén a Confraría Sacramental da Santa Cena, fundada en 1963, sendo un referente nas celebracións eucarísticas da cidade, destacando as súas claras

vestimentas coa custodia bordada. Segue esta confraría a tradición secular dos movementos relacionados co Augusto Sacramento, visible na catedral.

En anos como 1663, coa fundación da Confraría do Santísimo Sacramento, que tiña entre os seus privilexios “acompañar el Santissimo Sacramento en la Procesion de el dia de el Corpus Christi [y] de el Juebes y Viernes Sancto”, figurando entre os seus confrades as dignidades da catedral, co deán Juan Pardo Rivadeneira á cabeza.

Xa no século XIX

Na segunda metade do s. XIX creáronse varias asociacións, como a da Oración e Vela ao Santísimo Sacramento (1865), encargada tamén da administración do Santo Viático, que tivo un importante éxito social, e tiña entre as súas obrigas “velar media hora na Octava do Corpus”. En 1888 foi instituída a Garda de Honra do Sagrado Corazón de Jesús, sendo o seu director o cóengo Máximo del Arenal (?1904), que conseguiu estender a súa influencia a lugares como Monforte ou Portomarín.

Lugar destacado corresponde tamén á do Alumeado e Vela Continua do Santísimo Sacramento nos Santos Sagrarios ou a Conferencia de San Vicente de Paul, así outras como a das Marías dos Sagrarios Abandonados ou a Adoración Real Perpetua e Universal ao Santísimo Sacramento.

Fundación no 2011

En 2011, o bispo de Lugo promoveu a fundación do Lucense Eucharisticum Centrum, que supón unha evolución máis na serie de

movementos eucarísticos na cidade que ten como estandarte da súa identidade cristiá este Sacramento.

O profundo sentimento polo Santísimo Sacramento en Galicia viuse reflectido no donativo para o seu alumeado na catedral lucense, pero máis aló do dato histórico, esta devoción vese plasmada en grande número de

escudos de Lugo, en concreto, e Galicia en xeral. O escudo do Cabido da Catedral ten un Cáliz cunha Hostia exposta, visible na parte superior da entrada da Sancristía Maior ou a Torre das Campás. A Diocese posúe no seu escudo a mesma iconografía, mostra da devoción dos fieis que, coa súa Fe e esforzo secular, lograron que Lugo sexa coñecida como “A cidade do Sacramento”. Varios bispos de Lugo tiveron un Cáliz coa Hostia no seu escudo, como Benito Murúa (?1912) ou Frei José Gómez (?2008), continuando Mons. Alfonso Carrasco esta secular tradición, visible xa en Manuel Santa María (?1734).

Emblema da cidade

O escudo da capital lucense presenta dous anxos co Santísimo no centro xunto co lema: “Hoc hic mysterium fidei firmiter profitemur”, visible nos escudos do Reino de Galicia no s. XVII, ou no tabernáculo da Capela Maior da catedral; a Diputación de Lugo presenta tamén no seu scudo a iconografía referida á exposición do Santísimo na Catedral de Lugo.

O actual escudo de Galicia amosa a exposición do Santísimo con sete cruces arredor. Juan Velo, cóengo representante do Cabido lucense nos trámites da Ofrenda, presentou en xaneiro de 1669 un memorial, atribuído a Juan Pallares Gayoso, no que se afirmaba: “De aquí tubo prinçipio, y se

originô borrar el dragón berde, y leon roxo (Armas de los Reys Suevos, que al tiempo tenian en este Reyno su Corte) y trasladar al dorado campo del escudo de sus Armas, la Ostia, no, dentro de basso Sacramental oculta

(como mal pensaron historiadores modernos) sí sobre el Caliz, ô de manifiesto en su custodia”.

Esta particularidade do escudo de Galicia tamén figura no escudo da súa capital: “o escudo de Santiago de Compostela está conformado por dous cuarteis, o dereito coas armas de Galicia, cáliz con Sagrada Hostia con sete cruces periféricas; e o esquerdo

co sepulcro del Apóstolo”.

Recollido en institucións

As representacións do Santísimo nos escudos de Galicia vense incrementadas por prestixiosas institucións, como a Universidade de Compostela, ou entidades deportivas, como o Club

Deportivo Lugo. En 2019 cúmprense 350 anos do inicio da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, encontrándose na actualidade máis viva ca nunca esta cerimonia, como proba do profundo sentimento eucarístico dunha Comunidade, que presenta así o principal símbolo da súa identidade cristiá, que ostenta no seu propio escudo.

A cidade de Lugo ten no Corpus Christi a súa festa principal, de aí o seu sobrenome de “Cidade do Sacramento”, procurando na actualidade o seu prelado, Monseñor Alfonso Carrasco Rouco, coidar a Eucaristía como fonte e cume da vida cristiá, e recuperar tradicións vinculadas a esta festa

iniciada no século XIII. Lugo convértese así en “Apóstolo da Eucaristía”, como no seu día o foi Luis de Trelles y Noguerol, fundador da Adoración Nocturna Española, e ten a súa continuación hoxe en comunidades como o Cabido da Catedral de Lugo, que día a día manteñen viva unha chama, que en 2019, como indican documentos do s. XVII, acada 1.450 anos de antigüidade.

Canto á convivencia

O domingo da Ofrenda é, e debe seguir sendo, un canto á convivencia; un día de encontro, tanto dos poderes políticos, como dos

eclesiásticos, e de xentes de toda Galicia, que na actualidade seguen unha senda marcada hai séculos, que cobrou especial relevancia nas grandes peregrinacións de comezos do século XX.

O futuro desta cerimonia está asegurado pola Fe, polo sentimento de pertenza a un pobo con raíces profundas, pola tradición e pola historia…e polo pulo de institucións como o Lucense Eucharisticum Centrum, que dirixe José Antonio Ferreiro Varela, fundado polo actual bispo de Lugo en 2011, coa intención de “promover, enaltecer e dignificar a fe e o culto eucarístico na diocese”, onde a Eucaristía leva séculos tendo lugar central na esencia dunha comunidade cristiá, que continua defendendo o “Sacramento dos Sacramentos” desde sempre, para sempre.