Romanos e castrexos para todos os petos

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

Túnicas dende 10 euros conviven con vestimentas moito máis elaboradas e caras nos armarios do Arde Lucus

13 jun 2019 . Actualizado a las 18:53 h.

Lugo deixará de ser Lugo para converterse durante tres días en Lucus Augusti, un lugar ancorado na historia e no tempo no que romanos de todas as clases e castrexos galaicos convivirán en harmonía. Durante a fin de semana a cidade viaxará ao pasado e polas rúas as camisas e os vaqueiros deixarán paso ás togas, ás corazas, ás capas de lá ou ás fibelas. Unha inmersión ao alcance de todos os petos -dende 10 euros ata o que un queira investir- e variante en canto á ortodoxia.

Unha de romanos leva unha década vestindo a nenos e maiores na súa particular viaxe a Lucus Augusti. Nos percheiros da tenda colgan atavíos de romanos e castrexos estudados ao milímetro. Fieis á historia. Explica Ángeles que as cores das cenefas de cada toga van en consonancia coa profesión, así, as verdes corresponden a médicos, os senadores visten de granate, e as azuis son para os cabaleiros. «Non son disfraces», subliña. Son vestimentas confeccionadas como na época. No taller da firma lucense non só se fabrican prendas, senón que tamén se fai un traballo didáctico. Axúdase a comprender a historia a través da indumentaria e dos complementos.

Nos seus estantes tamén se atopan dende fibelas (broches) a réplicas do torques de Burela ou pequenas xoias de bronce bañado en ouro ou prata. «Podes atopar dende unha túnica por 10 euros ata o que queiras investir, porque podes ir sumando complementos», detalla Ángeles, que defende que cada vez os compradores son máis conscientes do que adquiren.

Traballo de costura

Para prepararse para o Arde Lucus hai quen prefire ir directamente ás mans dunha costureira de confianza. Conta Ángeles Fernández, de Tu modista, que nos últimos anos fixo unha boa cantidade de atavíos, se ben este ano o traballo desbordouna e non puido coller encargos específicos. Iso si, no desfile do Arde Lucus celebrado hai unhas semanas, as súas creacións amosáronse na alfombra vermella.

«A xente ao mellor pensa que os traxes de modista son máis caros, pero dende 50 euros telos», desvela a costureira, que pertence ademais a un colectivo de recreación histórica e coida ao milímetro cada tecido e cada corte. Ela é das que lamenta que haxa poucas vestimentas que sexan fiel reflexo da historia, e lembra que son os liños, as las e os algodóns os tecidos máis respectuosos co pasado romano e castrexo.

A opción do bazar

Nas perchas do bazar Agarimo conviven atavíos fieis á historia con disfraces, «tenemos dos calidades», sinala Pedro Ponce. El é dos que tenta ofrecer aos clientes as dúas opcións, para adaptarse aos petos e tamén ás presas. Conta que, como o negocio pecha ás 11 da noite, é habitual que en pleno Arde Lucus moitos visitantes se acheguen tarde ata a tenda en busca dalgunha vestimenta rápida, unha espada, unha coraza ou unha coroa de flores.

No debate entre castrexos e romanos, indica que hai demanda das dúas variantes, se ben conseguir vestimentas propias dos antigos poboadores galaicos resulta moi complicado. Ao longo destes anos el foi tecendo unha rede de provedores e lembra que a imaxinación para saber combinar tamén xoga un papel fundamental. Así, un cinto de coiro, uns aneis ou uns torques poden cambiar radicalmente unha vestimenta.

«Tienes un traje desde 14 euros a una túnica de 60», pon como exemplo. E o mesmo sucede cos complementos, onde os aneis a un euro conviven con obxectos de artesanía. Hai Arde Lucus para todas as economías.