Camiñando pola Vía Romana XIX nos Ancares

LUGO

PATRIMONIO DOS ANCARES

Unhas xornadas de arqueoloxía dos Ancares pon en valor o tramo máis longo que se conserva deste camió romano entre O Bierzo e a cidade de Lugo

06 may 2019 . Actualizado a las 11:47 h.

Este fin de semana celebráronse as Xornadas de Arqueoloxía e Historia de Ancares, que nesta primeira edición versaron sobre a Vía Romana XIX e a Época Romana de Ancares. Ás charlas do sábado foron impartidas polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero e o arqueólogo da Dirección Xeral do Patimonio Cultural Rubén Álvarez Asorey, e á charla no castro de Santa María polo arqueólogo Luis López González. Asistiron máis de 80 persoas.

A xornada do domingo, que comezou ás 10.30 da mañá, cunha andaina pola vía romana entre O Comeal (Cervantes) e A Braña (Vega de Valcarce), asistiron outras 80 persoas. Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey mostraron aos asistentes o espectacular tramo da vía de varios centos de metros que se fixeron perfectamente visibles a raíz dun incendio acontecido o pasado ano. Despois de xantar en Balboa, os arqueólogos da Junta de Castilla y León Julio Vidal e do Instituto Leonés de Cultural Jesús Celis, con senllas charlas, puxeron fin a estas primeiras xornadas.

PATRIMONIO DOS ANCARES

«Os organizadores estamos moi satisfeitos, tanto pola acollida que as xornadas tiveron entre a xente como polo altísimo nivel dos ponentes. E sobre todo por poder camiñar por un impresionante tramo da vía romana entre O Comeal e A Braña que, sen lugar a dúbidas, podemos afirmar que é o máis longo que se conserva entre O Bierzo e a cidade de Lugo», explica Xabier Moure, do colectivo Patrimonio dos Ancares

Esta asociación espera que en relativamente curto  espazo de tempo, o citado tramo da vía romana sexa accesible a todo o mundo xa que se vai limpar e sinalizar. Canto ao castro de Santa María, o Concello de Cervantes, a Anpa do CPI e o Colectivo Patrimonio dos Ancares, coa colaboración da Asociación de Veciños da parroquia de Santa María do Castro, están a traballar para que en canto sexa declarado BIC solicitar das administracións a continuidade dos traballos que permitirán sacar á luz o que significou este asentamento relacionado coa explotación mineira de época romana hai 2.000 anos.

Por outra parte, como proposta que fixo o Colectivo Patrimonio dos Ancares, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Cervantes editaron 5.000 trípticos con información e mapas do percorrido da vía romana entre O Comeal (Cervantes) e As Pontes de Gatín (Becerreá).