A felicidade, depende

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

03 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Periodicamente, o CIS publica un Barómetro no que inclúe desde a intención de voto a preocupacións sociais ou tendencias de consumo, sendo os últimos resultados políticos cuestionados polos que se consideran maltratados pola enquisa. Pois recentemente publicou datos sobre a felicidade dos españois, nos que os galegos resultamos ser os menos felices de todos.

Se eu recibise a chamada para unha enquisa, respondería con prevención, aínda que a resposta non sexa comprometida. E á pregunta de se son feliz, responderei que me considero medianamente feliz, porque o que hai arredor non permite unha felicidade total, e as miñas circunstancias non me deixan ser infeliz. É, claro, unha resposta de galego, e a saber como poden procesala. Na enquisa, na que a felicidade se valoraba de 0 (completamente infeliz), a 10 (totalmente feliz), e as respostas están entre o 7 e o 8, en Galicia o nivel de felicidade é do 7,06; en Cataluña, 7,36; en Andalucía, 7,49, e nas Baleares (onde máis), 7,86.

Non creo tan felices ao conxunto dos cataláns como para estar máis satisfeitos da vida ca os galegos ?pura tranquilidade-, nin de tan mal talante a todos os que observo arredor, co que non sei se hai que dubidar das respostas que damos a preguntas difíciles, ou da posibilidade de calcular a felicidade. O máis probable é que por acó, se nos preguntan: «Vostede é feliz?», respostemos «Depende», pois ninguén pode ser tan humanamente absurdo como para crerse completamente desgraciado, sen unha soa boa impresión vital, ou totalmente feliz, porque entón precisa unha revisión profunda. Ou sexa: A felicidade, depende.