Leccións de historia na semana da Constitución

Adolfo de Abel Vilela TRIBUNA

LUGO

12 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«A historia é a memoria colectiva do pasado que todos debiamos coñecer para saber de onde vimos e o que somos». Non é habitual ver unha frase como esta enriba da barra dun bar. É como a carta de presentación ao cliente para lembrarlle que está rodeado por cousas que forman parte do pasado e que cando vai tomar un viño ou unha cervexa non so está consumindo un produto que lle gusta ao tempo que se socializa, senón que, aínda quen non o saiba, detrás hai unha cultura, unha tradición, a invención dunha tecnoloxía, e en definitiva unha historia. Hai unha frase de Alfonso Guerra de cando era vicepresidente do Goberno, que me quedou gravada: «La oposición por naturaleza es iletrada». Xa pasaron anos desde que a pronunciou, pero agora tamén temos que dicir que tampouco len, polo menos Historia de España, os que nos están gobernando. O panorama non é mellor na mocidade actual. Comentábame un alumno da universidade da Coruña ao que un profesor lle mandou ler o libro de Manuel Azaña La velada en Benicarló. Diálogo de la guerra de España, que moitos compañeiros non sabían quen era o autor.

Mércores, 6 de decembro

No día da Constitución tapouse un escudo e retirouse outro da época de Franco do Instituto Lucvs Avgvti. Xa expliquei nestas páxinas as razóns polas que non se debían retirar eses escudos dos edificios públicos, razóns que nalgúns casos avala Patrimonio. O delegado da Xunta de Galicia en Lugo, nunha intervención no acto de celebración do 175 aniversario do Instituto, defendeu con vehemencia a ocultación e retirada dos escudos dos institutos, para min unha inversión improdutiva e inútil de 170.000 euros, o presuposto de cinco institutos medianos da provincia, porque aplicar a táctica da avestruz tapando os escudos non fai desaparecer o pasado senón que se agacha para perpetuar a ignorancia. Retirase o escudo do lucernario para que non o vexan os alumnos do centro, pero vaise levar ao Museo Pedagóxico de Santiago para que o podan contemplar todos os de Galicia. ¡Absurdo!

Xoves, 7 de decembro

Mariano Rajoy Brey, presidente do Goberno de España e rexistrador da propiedade, como reiteradamente nos di Maruenda para que saibamos que é unha persoa ilustrada, dicía na cuberta do patrullero Infanta Cristina que non sabía porque lle quitaran o nome á rúa Almirante Salvador Moreno na que vivira varios anos en Pontevedra. O malo non é ser ignorante senón encima ter fachenda de selo.

O Gran Wyoming díxolle que en Pontevedra había un colexio que leva ese nome e que «Con un poco de suerte algún día Rajoy se anima a entrar al colegio y aprender historia». A continuación explicou nunha lección para os nenos que Moreno foi un militar golpista, que bombardeou na guerra civil a varios miles de civís que saían dos portos de Xixón e de Málaga fuxíndo do horror da guerra, e que despois Franco o nomeou ministro de Marina. Por certo que tamén Rajoy bota peito para dicir que desde que el é presidente investiuse «cero euros, cero» na Lei da Memoria Histórica para que os fillos e os netos dos que foron fusilados e enterrados anonimamente en fosas comúns, non podan ter axudas públicas para recuperar unha parte querida da súa memoria familiar e colectiva.

Sábado, 9 de decembro

Nunha entrevista na Sexta o escritor Arturo Pérez Reverte falou das eivas que teñen os políticos do noso pasado, incluso os da nova fornada, e a mocidade en xeral, e recalcou que era necesario coñecer a historia porque para ben ou para mal repetíase.

O ano que ven cúmprense 80 do remate da Guerra Civil. É incompresible que cando xa non quedan os actores dela sigamos divididos en tres bandos: os dos triunfadores, os dos revanchistas e o dos indiferentes. Remato modificando a frase inicial do artigo: «A historia é a memoria colectiva do pasado que todos deberiamos asumir para evitar que por ignorancia se repita».