Corral: «Estou tan orgulloso de ser pastor coma de ser artista»

LAURA LÓPEZ LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O creador transmite desde a casa-museo de Baamonde o amor por Deus, a natureza e a humanidade

06 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Víctor Corral representa a arte con maiúsculas. A Casa-Museo que construíu en Baamonde á beira do Camiño Norte, a principios dos anos setenta, supón para o visitante mergullarse no sensible universo deste artista polifacético, un espazo desde o que transmite o seu amor pola natureza, a humanidade e por Deus, cuxa espiritualidade inunda todo.

O propio artista encárgase de realizar a visita guiada a quen por alí se achegue, se así o desexa. El mesmo construíu a casa, a capela, un pomar e un xardín poboado por este universo máxico de obras de todos os estilos e técnicas. As súas pezas cóntanse por miles.

Conta Corral que naceu en Baamonde, no seo dunha familia de once irmáns. A vea artística naceu con el, pois xa de neno tallaba: «Na casa tiña todo debuxado e desde moi pequecho empecei a gravar paxariños nos cornos das vacas». Foi pastor ata os 18 anos; e ao marchar á mili, aproveitou para estudar na escola de artes da Coruña, «onde estudou Picasso», pero a súa infancia sempre está presente: «Estou tan orgulloso de ser pastor coma de ser artista». Seguiu formándose en Barcelona, Suíza... e xa non parou. «Fun afortunado porque vivín da arte e cheguei a ter encargos para dous anos, mesmo do estranxeiro».

Escultor, pintor, poeta e músico

Pero a morriña fixo o seu traballo, e Corral volveu, xa casado e cunha das súas fillas, ao seu Baamonde natal para facer realidade o seu soño: «Construír a miña casa e a miña arte rodeado da miña familia e da natureza máis pura». De feito, ata a carretilla que empregou na construción forma parte dunha das súas obras: «Con todo o que fixo, a carretilla merece estar aquí».

No xardín e na exposición interior hai boa mostra do polifacético que é este artista: esculpe todo tipo de pedra, madeira, pinta óleo, acuarela, debuxa, escribe poesía, fixo fotografía... «Ata toquei a gaita e cantei nun coro».

Pero a vida e a obra de Corral non se entenderían sen o seu fondo compromiso coa súa terra e coa humanidade. «Para todo o mundo pido pan, amor e cultura», explica, porque «a cultura debe servir para humanizarnos». Corral eríxese así como defensor dos desamparados: as súas obras denuncian xa nos setenta a fame ou os malos tratos cos animais: «Lembro que daquela se levaban a paus as vacas e ovellas desde Parga a Lugo, e eguas con 500 quilos de carga». Tamén nos setenta se encerrou no interior dun castiñeiro centenario, xunto á igrexa de Baamonde, e evitou que o talasen. No seu interior tallou a imaxe da Virxe do Rosario.