O BNG denuncia un atasco no Rexistro da Xunta

lugo / la voz

LUGO

BNG

«Entre 15 días e un mes é o que tardan en chegar aos departamentos os papeis que se presentan, e algúns son expedientes que necesitan resolverse con urxencia»

24 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O parlamentario do BNG, Cosme Pombo, denunciou onte o colapso que está a sufrir o Rexistro Xeral da Xunta en Lugo. Sinalan desde o Bloque que a falta de previsión e de persoal provoca que a documentación rexistrada por cidadáns e entidades tarde entre 15 días e un mes en chegar ata o departamento correspondente.

Cosme Pombo afirmou que «escritos dirixidos á Delegación en Lugo da Consellería de Traballo poden tardar máis de medio mes en chegar a este departamento, dende o Rexistro, que está soamente separado por unha porta».

Pombo entregou onte no Rexistro da Xunta en Lugo un escrito do grupo parlamentario do BNG, dirixido á presidenta do Parlamento de Galicia, para que ela mesma poda comprobar o retraso que se acumula neste servizo.

Pombo dixo que o retraso, neste primeiro paso do trámite administrativo, implica que expedentes que teñen que pasar por diferentes departamentos da Xunta poden tardar meses en resolverse xa que o sufren o primeiro atranco nun trámite que non debería de ocupar máis de dous días. «Estes retrasos supoñen graves perxuízos ás persoas e empresas. No caso das empresas ven paralizada a súa actividade, en moitos casos, por non recibir no prazo previsto as correspondentes autorizacións para iniciar a actividade correspondente», sinalan desde o BNG.

Cosme Pombo exemplificou este tipo de problemas referíndose ás queixas, que varios veciños e veciñas trasladaron ao BNG, sobre o retraso na tramitación de expedentes referidos a obras de arranxo e substitución de teitos de casas e outras obras que, por razóns climatolóxicas, se teñen que facer no verán».

Desde o BNG achacan esta situación á política de recortes do goberno do PP na Xunta, «que provoca unha falta de dotación de persoal que leva a situacións deste tipo que afecta a miles de expedentes administrativos».

Brigadas contra incendios

Cosme Pombo puxo como exemplo destas «afectacións» a paralización do expedente de contratación de persoal para as brigadas de prevención e defensa contra incendios forestais no Concello de Lugo.

O proceso de contratación, sinalou o deputado nacionalista, non se pode efectivizar por que dende o Rexistro da Xunta non remiten as solicitudes, «de quenes alí as presentaron en tempo e forma, para presentarse aos procesos selectivos».

Explicou que o Concello ten que recibir a citada documentación para que os procesos selectivos podan iniciarse. «A finais do mes de agosto Lugo segue sen contar con brigadas de prevención e defensa contra incendios forestais polo retraso e inoperancia dos responsables da Xunta».