David Fanego: «Son consciente de que gañar é moi difícil porque hai moito nivel, pero intentareino»
LUGO
O vilalbés David Fanego, de 21 anos, foi elixido como representante da Terra Chá para a próxima edición de Recantos do Luar, na Televisión de Galicia. O concurso comezará o día 13 de setembro, cun total de 18 representantes de cada unha das comarcas galegas.
-¿Que castings tiveches que pasar para conseguilo?
-Primeiro apunteime chamando ó número do concurso e despois fun ó casting da Televisión de Galicia en Santiago de Compostela. Chamáronme o mércores 10 de xullo para comunicarme que sería o representante da Terra Chá. A verdade é que non o esperaba, estou moi contento de poder participar.
-¿Cando cantarás por primeira vez?
-O concurso comeza o 13 de setembro, pero ó sermos 18 participantes e tendo en conta que en cada programa só actuamos dous, aínda non sei a data exacta.
-¿Presentácheste máis veces a outros concursos?
-Uff, levo toda a vida presentándome a concursos: Operación Triunfo, Factor X, La Voz... No 2011 elixíronme para a final de Destino Eurovisión.
-¿A que te dedicas actualmente?
-Agora mesmo tan só ó mundo da música. Teño un dúo musical con miña irmá, Dúo Estrellas, e actuamos en verbenas, cenas, vodas e un pouco onde nos chamen.
-¿Desde cando cantas?
-Canto desde que era moi pequeno, con catro anos ou así que me empezou a ensinar miña irmá. O curioso é que malia iso, o que primeiro se empezou a formar na música fun eu.
-¿Asistes a clases de canto?
-Si, recibo clases de canto en Lugo cunha profesora que se chama Lourdes Santos, desde fai máis de cinco anos.
-Supoño que xa terás experiencia sobre os escenarios...
-Si, actuei tres veces na TVG, nun programa que se chamaba A Solaina; tamén no festival de Ordes, e a todo isto hai que sumarlle as actuacións co dúo.
-De cara ó concurso Recantos, ¿que expectativas tes?
-A ver, eu vou con moito optimismo, tamén son consciente de que gañar é moi difícil porque hai moito nivel, pero intentareino, teño esperanza.