O sábado, en Vilalba, viúvas de toda Galicia xuntáronse nun encontro anual organizado polas vilalbesas da asociación Carmiña Prieto Rouco, que preside Maruja López.
Só tres homes participamos: o párroco, don Uxío, que oficiou a misa; o alcalde, Gerardo Criado, que clausurou a sesión; e máis eu, que coordinei a celebración e falei de seis mulleres vilalbesas polas que estas viúvas teñen devoción: Carmiña, a poeta, que lles dá nome; dúas mestras de ensino privado, dona Amelia e dona Sagrario; dúas do público, dona Pepucha e dona Engracia; e a primeira alcaldesa que tivo España, Mercedes Ramudo, engadindo unha máis, dona Pilar Chao, viúva do médico Goás, de fonda conciencia social e caritativa en época xa lonxana.
Pode parecer que un encontro así é algo festeiro, pero algunha comentoume que a súa pensión non chega aos 300 euros, e todas reivindican o importe do salario mínimo para poder axudar - aínda hai ben casos- a fillos en paro que volveron á casa.
Dá gusto ver tantas mulleres conscientes do seu papel na sociedade e na familia, firmes, sereas, e seguras a pesar da soidade e das carencias. Mágoa que non houbera máis homes, mesmo no público, que coido que os homes non sabemos afrontar unha situación así como o fan - sexo forte ao fin- as mulleres. Para coñecer este problema hai que ser muller viúva ou -sei ben do que falo- ser fillo de viúva. Moito temos que aprender delas. Ao final, algunhas trenzaban uns pasos de baile. Ninguén dixo que un día coma este tivesen que estar tristeiras.