Unha rúa para Luis Cordeiro

Xulio Xiz

LUGO

Hai ao redor dun ano que o exconcelleiro Ramón González Rodríguez presentou no Concello a solicitude de que unha rúa da capital lucense (aboga pola actual de Ruiz de Alda) leve o nome de Luis Cordeiro Rodríguez, falecido hai preto de cinco anos. Cordeiro, de Palas e Foz, avogado, director do colexio focense, foi a alma mater dos teleclubs lucenses e galegos, impulsando de xeito brillante aqueles fachos culturais nun tempo de escurecemento social.

Concelleiro en Foz, sería alcalde se non pasase a ser Presidente da Deputación, onde fixo un importante labor cando as corporacións comezaban a ser lugares de debate e influencia, tendo un decisivo papel no nacemento do mundo universitario que hoxe Lugo disfruta. Foi deputado autonómico, e como tal un dos responsables do texto do Estatuto de Galicia. Foi xerente do Igaem, e concelleiro da capital lucense.

Dotado dun talante especial e dunha sólida formación legal e humanística, posuía unha gran capacidade de traballo e de entrega, da que son testemuña fiel xa que con el traballei varios anos naquel eido fermoso e ilusionante dos teleclubs do que hoxe quedan en Lugo exemplos como o centro cultural de Bazar ou o Belén Electrónico de Begonte, do que foi destacado colaborador. Luis Cordeiro merece ser lembrado como home bo, traballador infatigable, dedicado aos temas de Foz, de Lugo, de toda a provincia. E naturalmente que merece que se lle dedique unha rúa na capital. Conta xa co informe favorable da correspondente Comisión. Agardamos a decisión política.