O libro de Adolfo, o Señor da Muralla

Xulio Xiz

LUGO

15 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Muralla de Lugo, un dos monumentos máis orixinais do Occidente, merecía un libro monumental. Xa o ten. Adolfo de Abel Vilela é o seu autor. Afortunadamente a Muralla ten ben quen lle escriba, e foi precisamente Adolfo o primeiro que se ocupou dela publicando hai case corenta anos (1972) un magnífico traballo sobre a orixe das edificacións adosadas á Muralla. Seguiulle outro sobre 200 anos de obras e restauracións na Muralla, e dúas guías. Adolfo de Abel ten demostrado querenza por esta «fraga amurallada» (Darío dixit), á que leva dedicado décadas de traballo silencioso e froitoso.

Agora Adolfo vén de publicar un libro que recolle a historia da muralla romana nos seus documentos do século XVI ao XX, que non só non é definitivo, porque a historia da Muralla non se pecha na actualidade, senón que seguirá tendo «vida» no futuro. Trátase dun señor libro, dos que ler pausadamente e conservar como elemento de consulta, libro de cabeceira, para saber dos avatares do noso gran muro.

Se o Concello de Lugo non fose tan cicateiro, con tanto e tan longo medo de nomear cronista oficial da cidade, e xa que a Deputación ten o seu cronista oficial da provincia, polo menos debería nomear a Adolfo de Abel cronista da Muralla. E se o alcalde non se atreve con esa denominación, pois declaralo «Señor da Muralla», que o señorío xa o ten, e algo así non compromete a nada, pero honra a quen o ten merecido. Xa sei que Orozco non o vai nomear, pero cando Orozco xa non sexa alcalde, Adolfo seguirá sendo un señor para a Muralla.