Tanto Lugo distinto, tan distante

LUGO

Que levante a man o político que non teña falado algunha vez, nun discurso oficial ou nunhas declaracións máis ou menos improvisadas, da importancia do turismo como sector estratéxico para a economía e a sociedade. Que a levante tamén o cidadán que algunha vez non teña comentado a posibilidade de tirar mellor proveito dos recursos -naturais, históricos, culturais e outros adxectivos máis- do seu territorio -concello, comarca, provincia...-.

Haberá seguramente poucas mans erguidas, o cal nos dará unha impresión non moi sorprendente: recoñecemos o turismo como un eixe de futuro. Se pensamos, por exemplo, nos postos de traballo xerados nun hotel, ata o punto de converterse nunha das maiores empresas dun concello, as conviccións reforzaranse; e se pensamos nas sociedades, padroados e fundacións con dedicación total ou parcial ao turismo, mesmo supoñeremos que os teóricos obxectivos están amplamente cumpridos.

Pero logo vén a realidade, que semella algo rebelde e pouco disposta a compartir as nosas teorías: as estatísticas colocan a Lugo nos derradeiros postos polo tempo que pasan aos turistas, e os organismos que deberan ter un obxectivo común semellan máis interesados na súa leira que en saltar o balado que os poñería a traballar en común. De norte a sur e de leste a oeste, o que veña pode ver unha descarga de peixe ou unha vendima, a catedral de Mondoñedo ou a de Lugo, as pallozas do Cebreiro ou o complexo de Sargadelos, rías ou lagoas... Todo distinto, pero distante. ¿Tamén para nós?