Carioca

Xulio Xiz

LUGO

O termo «Carioca», que, xeneralizando, consideramos relativo ao Brasil, refírese de xeito exclusivo a Río de Janeiro, e a primeira intención é relacionalo co variopinto e desmadrado Antroido de Río, aínda que para os afeccionados ao fútbol teña tamén resonancia de apaixonados encontros deportivos, adobiado todo co natural calor que se lles supón a todas as manifestacións daquel exótico país.

En Lugo, desde hai tempo, falar de «Carioca» é falar duns feitos delictivos e dun sumario que só hai unhas semanas que se liberou en parte do segredo, e do que nas páxinas de La Voz imos coñecendo -golpe a golpe- sórdidos aspectos que nos mostran un Lugo descoñecido, no que ocorrían feitos que coidabamos reservados ás páxinas dunha escalofriante novela negra.

Non é que miraramos para outro lado por non ver. É que os ollos colectivos ou individuais da cidade non estaban preparados para ver o que ocorría, nin a imaxinación máis truculenta era quen de artellar un panorama como o que as informacións van conformando. E o resultado é unha novela por entregas que resultaría folletín senón fose tecida cos lostregazos dunha traxedia coral na que numerosos actores daban vida -sen querer ou querendo- a un guión aberto, posto en escena copa a copa, mágoa a mágoa, ata que a traxedia impuxo o seu drama camiño do holocausto.

En tempos, os residentes lucenses criamos firmemente que en Lugo nunca pasaba nada (digno de especial mención). A xuíza do Carioca vai ser excelente cronista oficial desa «outra» noxenta cidade.