Achégase a primavera, logo comezará a temporada de vodas, e moitos dos asistentes, protagonistas do cambio de estado civil ou convidados, bailarán quizais ao ritmo do Vals das bolboretas. A canción, que debe de ter case 40 anos, acadou moita máis sona da que logrou o seu autor, Danny Daniel, e se cadra coincidirá nestas vindeiras semanas, se non cambia a situación, cunha clara demostración, aínda que ampliada á enésima potencia, do chamado efecto bolboreta: se o movemento das ás dunha bolboreta causa efectos que se notan na outra punta do mundo, un terremoto que ameaza a seguridade das centrais nucleares de Xapón fainos tremer a todos.
Curiosamente, na mesma década na que Danny Daniel compuxo a canción que moitos temos bailado algunha vez falouse da posible instalación dunha central nuclear en Xove. A idea non callou; pero é un exemplo da estraña asociación que une a algúns lugares con certos feitos, como se só puidesen converterse en protagonistas de acontecementos desagradables: pensemos que A Mariña, uns dez anos despois, aparece vencellada co episodio do Casón.
Os vindeiros meses, coas vodas e as súas festas, amosarannos se a crise afecta a algúns gastos, e mesmo nos poden indicar se Danny Daniel segue a conservar o seu protagonismo nos bailes de recén casados, parentes e amigos. Por agora sabemos que os candidatos ás eleccións municipais de maio comezaron os seus bailes, e os seus repertorios xa nos anuncian que non semellan ter tempo nin ganas de novidades.