A próxima aparición da obra «O hospital asilo de Vilalba. Orixes dunha obra colectiva» supón unha boa ocasión para lembrar a vida cotiá na vila hai un século
12 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Cando se decidiu construír un hospital asilo, aló por 1909, Vilalba era ben distinta. As casas agrupábanse no contorno do castelo e da igrexa. Case todas eran pequenas, de planta baixa e poucas cun piso. O espazo compartíase con cortes onde os animais servían de complemento económico ós ingresos familiares. A vida facíase a carón da lareira, e poucas dispoñían de cociña de ferro. A rúa Maior, a Porta de Cima, era o camiño real que de norte a sur atravesaba a antiga vila fortificada e empezábase a construír na estrada a carón do campo da feira -Alameda-.
Xa desaparecera como tal, había cen anos, o antigo hospital de Santa Catarina por mor da raquítica política de supresión de obras pías. As condicións sanitarias eran moi lamentables e calquera andazo facía estragos. Baste pensar o que sucedería coa gripe de 1918, que aínda nos primeiros meses do ano seguinte viñan noticias de San Simón e de Samarugo de que se produciran pola súa causa, só en xaneiro, máis de trinta defuncións. E os pobres de pedir de porta en porta.
Malas comunicacións
O país non saía do atraso por causa das condicións lamentables das comunicacións. Lembremos que a estrada de Ferrol a Rábade se empezar a construír en 1805 e non se acabara ata 1860; a de Mondoñedo iniciárase en 1853 e acabárase uns 20 anos máis tarde; a Betanzos ancheárase en 1905 e daquela fora reforzada a ponte da Magdalena; os traballos da de Meira comezaron en 1912 e seguiron nos anos seguintes;... todas seguindo os trazados de antigos camiños reais enlamados nos invernos e con algo de pedra e area como firme. Acudir ás feiras era unha aventura e o progreso non chegaba porque tampouco chegaba, nin chegou e se cadra tampouco chegará o ferrocarril.
A emigración facía estragos na mocidade. Os máis novas encamiñaban as súas forzas produtivas camiño de Cuba e alí tentaban a fortuna con desigual sorte. A algúns sorríalles e regresaban; outros quedaban no país de acollida por non ter máis perspectivas ou eran vítimas de enfermidades tropicais e regresaban co posto. Aínda así é destacable a solidariedade que todas estas persoas manifestaban para coa súa terra nativa.
Os aportes económicos foron importantes en obras sociais, como o hospital asilo ou as escolas habaneiras nas que xeracións de vilalbeses recibiron educación e instrución. Na emigración víase a idea moi clara: as xentes dun país progresarán cando se preparen intelectualmente, cando se eduquen e cando se formen para afrontar os negocios modernos.
Foi a iniciativa e o aporte económico dos cubanos os que permitiron que as obras do hospital de Vilalba puidesen ter remate. Malia que na década de 1920 a economía do país antillano atravesou crises por mor das ditaduras ás que se someteu, a solidariedade dos vilalbeses na diáspora venceu atrancos e viu que os esforzos daban como resultado un magnífico edificio.
Sete décadas de dedicación
Logo chegarían os tormentosos anos da Segunda República e da Guerra Civil, cando o edificio foi destinado a instituto e a hospital de sangue. Pero xa en 1937 puideron retomarse os fins fundacionais e chegaron os primeiros residentes. E logo máis de setenta anos de dedicación ó coidado dos que coidados necesitan; filosofía que continúa na actualidade coincidindo coa fundacional e adaptándose ós tempos modernos.