Carta a un veciño

Carlos Ferreiro

LUGO

Nunca tiveron estas liñas unha intención epistolar. Con todo, teño que recoñecer que houbo momentos nos que case caio na tentación de empregalas para respostar algunha mamarrachada pero ese non é o sentido.

Aínda así hoxe farei unha excepción. Estimado veciño: Véxote pasear amoucado e esquivo e preocúpasme. Sei que saes ben cedo todas as mañas para pasear a ese cabalo con forma de can que tes e a intención parece evidente: non cruzarte con ninguén. Como se así foses evitar os murmurios do barrio; non ves que xa todos sabemos que tes unha prima que é controladora aérea! E que culpa tes ti?

Non te preocupes, hai para todos. Hai tes a Linda, Ubalinda, a da panadería, que ten un primo podre de cartos que está de chapero en Trujillo. Non parece o mellor exemplo seino pero, se o pensas ben? Ademais,  xa sabes o que se dixo no parlamento de Galicia: «Calquera ten un abuelo fascista», cousa moi distinta é aplaudilo.

Xa postos, aproveito estas liñas para sinalarte o que seguro que é un despista: non te esquezas de votarlle a man a esas monumentais deposicións de rinoceronte que vas deixando ciscadas polos xardíns do barrio. Non as túas, claro, as do teu can.

Ultimamente piso merda con máis frecuencia da habitual e non atopo unha relación directa coa mellora da miña sorte así que xa empezo a estar un pouco? contrariado? Se segues nesta liña prometo publicar o teu nome, ao estilo dun wikileaks parroquiano.

Non recoller a merda do teu can non te fai máis listo, faite máis guarro, ademáis de ter unha prima controladora aérea.

redac.lugo@lavoz.es