Na nosa casa, mentras os nenos foron pequenos, había unha norma repetidamente formulada, que proscribía motos e barbies, por motivo diverso. As motos, polo perigo que supoñiamos entrañaban os vehiculos de dúas rodas, considerando que máis seguro é o peor coche que a mellor moto, xa que mentras se abolla unha chapa non periga o físico do conductor protexido pola estructura envolvente do automóbil. As barbies, porque representaban o modelo de rapaciñas de plástico, afectadas e insulsas, que fan das poses e remilgos manifestación perfecta de baleiro interior.
Non digo que estiveramos acertados, pero poido xurar polo máis sagro que a intención era boa: preservar ós fillos de influencias malignas, físicas ou anímicas.
Agora as motos campan polos seus respectos en áreas urbanas ou rurais, camiños e autoestradas, coa súa derivación quad , aínda máis perigosa. E as barbies son artigo de fe para as novas xeracións femininas, e supoño que masculinas que tampouco vou negar o dereito dos nenos a estropear o gusto con esas reproduccións de xeitos de vida masculinos, femininos ou andróxinos, que me seguen parecendo dunha estupidez abraiante, e que na miña casa -mentras me permitan opinar- non han entrar.
O das motos ten o seu propio apartado nas noticias dos accidentes cando falan dos mortos na fin de semana xa que, do total, unha boa porcentaxe son moteiros. Para barbies e similares non se me ocorre máis perfecto destino que o desguace que practicaba o gran Varela, creador do Belén de Begonte, que dalgúns bonecos coma este obtiña exemplares perfectos para, despois dun fondo tratamento, ser figuras para o Belén.