E tal, e tal, e tal

Carlos Ferreiro

LUGO

06 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Preguiza me dá falarlles do Papa. Que me sinto desautorizado, vaia. Logo do apercibimento que nos últimos días nos remitiu o intelecto españolista, coa escusa da defensa de Sánchez Dragó, achícase calquera. Que si, que non se pode opinar, e eu enténdoo.

Que somos unha masa borreguil de indocumentados literarios, culturais, e tal e tal e tal. E recordáronnos a Nabokov, e a Gil de Biedma (o avó de dona Esperanza), e trescentas novelas máis -que non penso ler-. E recordáronnos a queima de libros, a Hoguera de las vanidades (a de Savonarola, non a de Wolfe) e iso, claro, impresiona e moito -lingüística cognitiva e neuropolítica pura e dura-.

¿A ver se vou ser eu un fanático ideolóxico e o emérito fantoche, empregado de Telemadrid, unha pobre vítima da miña intolerante incultura? O mellor tería sido, como foi, frivolizar cun tema tan grave e usar a literatura como escusa.

Aínda así, por se todo fallaba, tamén nos falaron do código penal, que é moi recorrido, e da prescrición dos delitos e o consentimento. Isto é o que menos entendín eu, porque... ¿non era todo novelado? «Excusatio non petitia?».

Claro, de tanto lembrar, caemos na conta de que estes, que defendían afervoados a pederastia do «dragón» con pequenas de trece anos, son os mesmos que puxeron o grito no ceo coa lei do aborto. ¡Vaia tufo!

Pobre Santidade, para unha vez que podía visitar un país sen escándalos recentes de pederastia nas portadas dos xornais, ten que aparecer o fantoche este. Dende aquí, o meu total apoio á súa santidade, porque, ata onde eu coñezo, Sánchez Dragó nin é bispo, nin sacerdote, nin nada que se lle pareza -nin falta que fai-.