Á espera dunha nova sesión plenaria na Rúa do Hórreo para falar da empanada presupostaria que nos habemos de comer os galegos no 2011, facemos memoria -porque somos memoria, entre outras. Facemos memoria do que sucedeu o pasado 13 deste mesmo mes no Parlamento Galego onde os populares galegos amosáronnos a súa faciana máis rancia e se retrataron por boca de quen menos esperabamos, pero quedaron retratados.
Cun estrabismo no ollo dereito profundamente preocupante, o parlamentario vilalbés Agustín Baamonde fixo seu aquilo de que «pregunten vostedes o que queiran que eu responderei o que me dea a gana» e mesmo citounos a Orwell -as citas adornan moito- sen saber que Arthur Blair participara na guerra civil; por certo, cos que defendían a democracia.
Do que se falaba en sesión parlamentaria non era de facer da cidade da cultura un centro Wiesenthal á galega para perseguir fascistas asasinos. Non, falábase da «localización e identificación das persoas desaparecidas durante a Guerra Civil».
Así, textualmente. Non se falaba de revisionismo histórico, tampouco de negacionismo como pretende algún que so lle falta pintarnos a ditadura de rosa. Falábase de que as familias puidesen enterrar aos seus mortos. Falábase do que o Partido Popular non quere falar e claro, votou en contra.
É certo que houbo un tempo en que o PP buscou con ansia apropiarse do centro político. Mesmo ficharan ao fillo de Adolfo Suárez. Desto xa hai anos e do tema non se soubo máis. Será máis rendible a extrema dereita? As bandeiras preconstitucionais saíron á rúa aínda que as negaran tres veces, ahí están.