Por culpa de...

Carlos Ferreiro

LUGO

09 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nunca fun moito de reproducir textualmente esta ou aquela cita. Aclarado isto, teño que recoñecer que ás veces, moitas, decátaste de que aquilo que queres expresar xa está dito; por certo, moito mellor do que serías capaz de facer. Claro, contra isto o mellor é renderse e transcribir con puntos é comas o que xa tiñas lido. Alá vou: «as obras do novo hospital de Lugo acumulan un retraso intolerable». Eu non sería capaz de expresalo mellor. A cita está extraída da páxina 230 do programa electoral do PP para as eleccións autonómicas galegas de Marzo do 2009. Estamos en Outubro do 2010.

Polo medio, alá polo mes de xuño de 2009, un honesto e sempre sincero Núñez Feijoo informounos de que lle faltaban cartos para rematar o hospital de Lugo por culpa de... o bipartito. Igual que agora lle faltan cartos no presuposto autonómico por culpa de... Zapatero. Sempre por culpa de... alguén que non sexa eu. A cousa ten o seu mérito creativo porque a verdade xa existe pero as mentiras hai que inventalas. «Chapó»!

Logo, no mes de xullo, xa do 2010, pasou por Lugo a Axencia Galega de Inauguracións para facer a «antepreinauguración», previa á propia inauguración do hospital. Daquelas dixéronnos que agora si que comezamos a mudanza xa. Agora non, agora vai ser para o mes de novembro. Logo será... coincidindo coas eleccións municipais?

Un último apunte, por iso dos riscos de mesturar a merda e os ventiladores: Mariano Rajoy Brey asina en agosto do 1997 o Real Decreto 1375/1997 onde se transfiren á Galicia as competencias de traballo, emprego e formación. Á Xunta. Nin aos concellos nin ao goberno central. Á Xunta.