Decíamos ayer

Carlos Ferreiro

LUGO

22 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«Deciamos ayer»... e recordabamos a algúns dos que preto de aquí encontraron a morte ás mans da ditadura franquista: Severino Rivas, Pedro Voces, Félix Yáñez, Antonio Vega, José Antonio Rivas.

Nomes e apelidos comúns que volven taciturnos do anonimato dunha foxa. Volven para calmar os desvelos das súas familias, para axitar as memorias dalgúns e para espertar o interese doutros. Todo co beneplácito da Lei da memoria histórica e coa incomodidade que se lle supón ao partido popular en todo isto, que para algo votaría en contra.

Todo podería ter quedado aquí -a algún teríalle gustado- nunha simple noticia de provincias. Ben ao contrario, a bendita cabezonería do fillo do que fora alcalde de Castro de Rei en tempos da república, fixo que un xulgado porteño se interesase polo tema e nos recordase aquilo do principio de Xustiza Universal.

Porque iso de que o franquismo marchase de rositas estivo moi ben para a transición pero... A partir de aquí, as rotativas dos xornais de medio mundo repetían a noticia e a xustiza pareceunos máis xusta. Ata aquí, porque nesas apareceu o Tribunal Supremo e recordounos a súa obstinada intención de sentar a Garzón no banco a petición da ultradereita máis tramontana.

Os netos da ditadura, fillos da democracia, non entenden como pode suceder que quen quixo investigar os crimes do franquismo vaia ser sentado no banco e, pola contra, ningún dos que tiveron algo que ver coa ditadura tivesen que dar explicación algunha nunca. Nin sequera algún dos ministros dos que, como portavoces, mesmo se encargaron de informar da execución de prisioneiros políticos, que os hai.

redac.lugo@lavoz.es