Evolución ou estacamento

LUGO

Os galos que tan pouco medo lles temían aos romanos tiñan, como nos contan as aventuras de Astérix, un punto feble, a posibilidade de que o ceo caese sobre as súas cabezas, que os levaba a buscar protección na casa do druída Panorámix cando se oían os primeiros tronos.

Dos druídas, como ben sabemos os que coñecemos esas aventuras ideadas Goscinny e de Uderzo, pódense esperar moitos e bos prodixios, algo que sen dúbida nos resultaría útil a estas alturas do verán, sobre todo ao norte da Gañidoira, da Xesta e do Marco de Álvare. As festas celtas teñen certo predicamento, a música celta ten presenza en festivais e concertos moi concorridos, pero aínda non apareceu a fórmula que afaste esas nubes tan habituais. Se un druída pode inventar unha poción máxica que dá unha forza sobrehumana, ¿non ha poder preparar unha brebaxe que mande as nubes a Inglaterra ou a Irlanda?

Porén, os que estamos afeitos a vivir baixo ceos toldados sabemos que algunhas sutilezas dos meteorólogos teñen a potencia dunha carga en profundidade. Cando o home do tempo nos anuncia nubes de evolución, podemos mirar o ceo varias veces, pensando se paga a pena ou non ir á praia, aínda que a resposta case sempre é positiva, porque hai máis posibilidades ca a de quedar deitado na area. Pero cando sitúa A Mariña baixo nebulosidade de estancamento, xa podemos pensar nun día de conversa cos amigos, de paseo cunhas pingas de orballo mollándonos de cando en vez ou dun café sen présa mentres se deixa ir o tempo.

Pero se cadra os druídas, coa súa sabedoría, tamén nos explicarían que poder durmir mentres outros case non respiran con calor non deixa de ser un luxo.