M
ozos e mozas. Católicos. A maioría de España e algúns de Francia e Portugal. Sobre 12.000. Presididos pola cruz da xuventude e tutelados por tres cardeais, dez arcebispos e dúas ducias de bispos. Quentando motores para a xornada mundial do próximo ano en Madrid. Á procura de ¿identidade?, ou quizais de ¿alternativas?
Uns 5.000 desde o xoves. Algúns fixeron as últimas etapas camiñando por diversos Camiños. Teñen un amplo e fermoso programa: formación, talleres, oración e celebracións. Vixías na Catedral, no Obradoiro e no estadio de San Lázaro, onde se celebra hoxe a misa do peregrino.
Xuntarse para reflexionar, rezar e celebrar a vida e a fe é algo san e importante. Un cristián ten moito bo que vivir e compartir. Fan falta esas testemuñas de vida e de alegría, xa que, ás veces, semella sermos persoas tristes e aburridas, cando hai sobradas razóns para mostrarnos ledos e felices por pertencer aos seguidores de Xesús, o único que dá senso ás nosas vidas.
Alguén cualificou este encontro como «o epicentro das novas xeracións do catolicismo». Hai que ter coidado cos espellismos. Na Igrexa de Xesús, que ten que ser fermento e testemuña da presenza do Señor resucitado no mundo, nunca ten que primar a cantidade, senón a calidade, o especial xeito de vivir a fe na vida cotiá. Abonda o perigo de medir a vida de fe por manifestacións e peregrinacións masivas. Non vai por aí a Igrexa do Vaticano II.
A alternativa ás evasións deportivas, musicais, mesmo ao botellón, non vai chegar por exhibicións tuteladas, xa que non reflicten a situación dos xoves católicos. Cómpre levar a relixión á vida diaria. E ten que se notar nas obras. Mozas e mozos cristiáns (e todos nós) temos que ser sal e luz. Todos os días. Sempre. Sen barullos.