Doble moral

LUGO

06 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

É ben sabido que cando as cousas van ben, como se por inercia fose, todos somos fermosos e todos nos dámos palmadas nas costas. Vivimos durante moitos anos na burbulla da aparencia, dos novos ricachóns, demostrando día tras día qué ben comiamos nos restaurantes de moda, deixándonos caer nos actos sociais onde os pinchos eran elaborados con caviar e non con patacas fritas de bolsa.

Pero agora non. As miserias saen a flote. «¡Que cada pao aguante a súa vela!», din. Os trapos suxos están no tendal, á vista de todos. Os papeis comprometedores saen das caixas fortes que se mercaron cando eramos ricos. As chamadas anónimas a persoas que queiran investigar sucédense. E tamén as contrachamadas.

Hai un chiste que corre pola cidade que di que «senón estás imputado por algo é que xa non es ninguén». Vamos, que agora o que está de moda en Lugo é escoitar a Shakira, ser seguidor de «La Roja» e estar imputado. «Dá pedigrí», din con retranca algúns.

No fondo, e todos o sabemos, o que dá é vergonza. Pero non polos feitos puntuais dos que teñan que enfrontarse no seu día nunha vista oral algunhas persoas detidas ou imputadas, senón pola sensación de inmoralidade constante, de ostentación de poder irreal, de obscenidade social, de corrupción latente.

Pódese dicir que unha sociedade que actúa deste xeito está enferma, aínda que, e parece que doe menos, todos os países europeos viven os seus dramas sociais, desde Italia ata Suecia. Dicir que logo dunha crise todo se rexenera para saír fortalecidos e mellorados como cidade e como país sería o normal, pero todos sabemos que non é así. Que a ambición, un valor que sempre cotiza a alza, sempre será máis forte que a humildade e o respecto.