Adeus ao «palacio comercial» de Eiriz

Rodrigo Fernández
Roi Fernández CHANTADA/LA VOZ.

LUGO

Unha tenda que se conserva como en 1923 vai ser desmantelada en Chantada

22 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Joaquín Eiriz Bimieiro era un home serio e eficaz nos negocios, sempre vestido con traxe negro e garavata e tocado cun bombín. Así recordan algúns maiores de Chantada ao fundador da Casa de Eiriz Bimieiro, un negocio que a principios do século XX trouxo a Chantada un estilo de vendedor agresivo que daquela só se estilaba nas grandes cidades e que desesperaba ao resto dos comerciantes locais coas súas ofertas e prezos imbatibles. Aquel comercio leva tempo formando parte da historia de Chantada, pero aínda non se fora de todo. Con propietarios distintos, continuou aberto ata hai algo menos dun lustro no mesmo edificio do centro da vila. Conservaba por dentro a estrutura típica dos almacéns comerciais da primeira metade do século pasado: mostradores, estanterías de dous andares e corredores elevados e todo feito en madeira. Pero xa lle chegou a hora do adeus definitivo, porque unha construtora acaba de empezar a rehabilitación do edificio, que inclúe o desmantelamento completo do que quedaba daquel innovador comercio.

O edificio aínda coñecido hoxe como Casa de Eiriz, de entre finais do século XIX e principios do XX, é de construción elegante e luminosa, cunha fachada de coidada cantería, coas dez portas ao exterior -todas dunha ebanistería exquisita e cun «E» gravado- e máis o escaparate do seu baixo facendo esquina. E no primeiro andar, en superposición, o mesmo número de balcóns.

O seu mirador de fundición, saído seguramente dos fornos de Sargadelos, chama a atención a todo quen se achegue polo que aínda hoxe é o máis pintoresco cruce da vila, na confluencia das rúas Luciano Travadelo, Leonardo Rodríguez, Avenida de Monforte e Calvo Sotelo.

A ese edificio trasladou o seu negocio no 1923 Joaquín Eiriz Bimieiro, desde a súa ubicación orixinal na rúa do Comercio, hoxe Calvo Sotelo. Don Joaquín anunciou a estrea da nova tenda no número 42 da revista quincenal chantadina, El Regionalista , publicado o 1 de decembro daquel ano. O anuncio refírese ao local co nome de «palacio comercial» e fachendea de que para atoparlle rivais habería que trasladar ao noso país os mellores comercios de París, Manchester ou Chicago. E é que Eiriz Bimieiro sempre ía ao grande. Un veciño de Chantada aínda lembra que na voda dunha das súas fillas encargouse de que se puxese unha alfombra vermella desde a súa casa ata a igrexa, e que a garda municipal vestise co uniforme de gala.

Aceite bombeado

A Casa de Eiriz Bimieiro era un comercio dos naquela época chamados mixtos, nos que se vendía dende roupa, teas, sementes, todo en ferraxería, artígos de ultramar e «coloniales» como o arroz e o aceite. Este último produto vendíase a granel e bombeado dun bidón metálico, unha novidade que obrigaba ao cliente a traer el mesmo o envase.

Polo negocio pasaron empregados como Pepe do Carocero, Celestino Lorenzo ou José Rodríguez Cabo, que sucedeu ao fundador como novo propietario. A propiedade do edificio tamén cambiou co tempo, pasando a pertencer á familia do ex alcalde Sergio Vázquez Yebra.

Cambiaron os propietarios e a mercaduría a vender, pero o mobiliario interior segue a ser o mesmo que estreou don Joaquín no 1923. Agora o negocio xa pechado agarda polo seu desmantelamento. Un novo propietario, tamén dunha vella familia chantadesa, Ramón Quinzán Pardo, é quen lle vai dar vida outra vez a esta casa.