O papel do gandeiro é fundamental para a evolución do agro

Mayte Corbelle VILALBA/LA VOZ.

LUGO

É preciso que o gandeiro, que o agricultor, sexa un colaborador necesario para a conservación do medio ambiente pero tamén para a evolución do agro galego. Un cambio que tamén vén da man de atopar alternativas para facelo o máis produtivo posible.

Estas foron algunhas das ideas que puxo onte sobre a mesa o secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, quen se achegou ata Vilalba para clausurar un encontro organizado pola Fundación Jacinto Calvo en torno ao futuro do sector primario e dos agricultores diante dos cambios que se aveciñan.

Nesta xornada de reflexión e debate en torno á Política Agraria Común, o líder dos socialistas reiterou a necesidade de que Galicia conte cun grupo lácteo do país e falou da «ausencia» do Goberno galego en torno ao que pasa co agro. Dixo que «o 2014 é pasado mañá» e que o equipo que lidera Alberto Núñez Feijoo aínda «non falou de estratexias, dunha planificación para un novo tempo no que moitas cousas van cambiar neste piar fundamental de Galicia».

Nesta cita da capital chairega tamén estiveron outros responsables do PSOE vencellados ao sector primario. Unha delas foi a parlamentaria, tamén chairega, Sonia Verdes, quen criticou que a Xunta de Galicia «queira que o banco de terras se converta só nunha oficina, sen ningún contido, porque no último ano pouco ou nada se moveu neste ámbito».

Neste encontro sobre a Política Agraria Común, Verdes tamén se referiu aos avances que están a chegar dende a Unión Europea e á «situación de debilidade que neste momento teñen os gandeiros en relación ás industrias». Neste senso, referiuse ao contrato homologado, unha figura que na Unión Europea «está gañando terreo pero que aquí non acontece o mesmo, sobre todo porque o Goberno galego tampouco se preocupa do seu cumprimento».

Para paliar esa situación de debilidade, Sonia Verdes pediu avances «na trazabilidade do noso produto, na identificación da orixe do leite, nese proxecto do que falou fai un ano o conselleiro de Medio Rural, desa letra Q da que, a día de hoxe, pouco ou nada se sabe».

Sindicatos agrarios

Pachi Vázquez tamén se referiu ás diferenzas entre o Goberno galego e os sindicatos agrarios, así como á «xudiciliación» da actualidade entrambos.

Núñez Feijoo dixo que se está «criminalizando» aos sindicatos. A súa única intención, tanto neste caso como no de España, é que «todo vaia mal para sacar proveito». Esa, dixo, «é a forma de actuar de Núñez Feijoo e de Rajoy».