Un grupo e dous cantantes actuarán o día primeiro na Praza de Santa María en reivindicación do galego
22 abr 2010 . Actualizado a las 19:45 h.Os 3 Trebóns, Emilio Rúa e Mercedes Peón actuarán o día primeiro de maio na praza de Santa María de Lugo no Concerto pola lingua, presentado onte polo vicepresidente primeiro da Deputación como unha das iniciativas para reivindicar o uso do galego. Aínda que nese mes aumentan este tipo de actos, Antón Bao anunciou que o concerto iniciará unha programación centrada na dinamización da lingua e en xeral da cultura de Galicia, e que abarcará as centradas en Uxío Novoneyra, ao que está dedicado nesta ocasión o Día das Letras Galegas.
Ademais de destacar que a presenza do idioma na cultura non se debe restrinxir a unha época concreta, Bao enumerou unha serie de circunstancias que xustifican o concerto e outras medidas de apoio. «Existen diferentes formas de apoiar o noso idioma, non só a través do ensino, da Administración, da xustiza..., senón que tamén se pode facer dunha forma lúdica», dixo na presentación do concerto. Igualmente manifestouse convencido de de que os responsables das institucións deben facer a súa aportación «para que non se esqueza que temos un elemento de identidade, propio, indisociable do noso ser galego».
Sen citar explicitamente a política lingüística da Xunta, o vicepresidente primeiro referiuse ao fío da percepción social sobre a situación da lingua neste ano «confuso, conflitivo e tormentoso». Lembrou que os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística confirman que o uso do galego está en retroceso, sobre todo entre o sector máis novo da poboación. Lembrou que un idioma desaparece cando se deixa de falar, e que aínda hai 12 anos que se rexistrou a da última lingua en Europa, que se perdeu coa desaparición do último falante.
Os participantes
Os Diplomáticos de Monte Alto e Papaqueixos son os grupos dos que se nutre fundamentalmente Os 3 Trebóns, que se definen como grupo de intervención rápida composto por tres máis un, que levan moitos anos actuando. O máis coñecido é Xurxo Souto, co acordeón diatónico e voz, que foi un dos promotores xunto co batería e cantante, tamén ex integrante de Os Diplomáticos, Fran Amil, que pasou por Papaqueixos e Ruxe-Ruxe. Os restantes compoñentes son o baixista Antón Díaz, e o bombardinista Lourenzo Castro.
Mercedes Peón, investigadora das raíces musicais, é ben coñecida tamén nesta provincia, non so polas súas actuacións na televisión senón porque o veu en diferentes ocasións. Emilio Rúa é un cantautor de Riós que está de presentación dun novo disco, producido pola cantante Uxía e polo brasileiro Sérgio Tannus.