Pero que me dis

Carlos Ferreiro

LUGO

17 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Por ganas -moitas- e gusto -pouco- falaríalles aquí do xuízo contra Baltasar Garzón pero, nin procede nin se pode. Pódese opinar, criticar, vilipendiar, atacar? ao poder lexislativo, ao executivo, pero contra o xudicial... co xudicial so nos queda aquilo de comer e calar, comer e calar. Pero que me dis? Como cho conto: os fascistas van sentar no banco a un xuíz da Audiencia nacional pero ti, traga é cala.

Do que si se pode falar é dos luxos, dos faustos, os excesos, os dispendios da Xunta de Galicia. Os pequenos de Lugo comen «de gratis» no colexio. Pero que me dis? Como cho conto. Pola cara, polo morro. Bueno, a cousa págase vía impostos pero como non che quitan o billete da carteira pois...

Un luxo, non me digan que non. Non podían os pequerrechos levar un bocata de chourizo ben envoltiño en papel de farrapo e feito con todo o cariño na casa? E por se isto fose pouco, algún pretende que os impostos que pagan no rural lucense teñan o mesmo valor que os da capital. Ja!

Esta pobre e vulgar parodia será, seguro, o próximo paso. Seguro. Que se é moi caro, que se comen moitos, que se é un luxo, que se... que si, que si. Tixeiras e a cortar.

Esta mesma semana, por riba de cores e bandeiras, todos os lucenses e algúns que non o son, nunha cena oportunamente organizada pola confederación de empresarios de Lugo, recoñecerán publicamente o que todos sabemos: o ministro Pepe Blanco é de Lugo.

Un lucense de pro que exerce, con orgullo de ser de Lugo, a responsabilidade de ser ministro. Non so exerce senón que está dando probadas mostras de vida intelixente, moi intelixente. Pero que me dis? Como cho conto.