Xerando emprego

Carlos Ferreiro

LUGO

12 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Que xente! Que habilidade! Quen non coñece xa Sobrado dos Monxes? Quen non sabe, xa, que sobrado é desván en castelán? Pois xa está. Todo responde a unha estratexia de marketing, difícil de explicar, iso si. O obxectivo: promover o  Xacobeo. Pensen por un momento na promoción da provincia de Lugo coa súa riqueza toponímica: Ciervo, Barrizales, Riotuerto, Cospecho,...

Sendo críticos, eu so poñería un pero: que o Conselleiro de Cultura se obstinase en negar tres veces as súas verbas. Máis aínda, que dixese no Parlamento de Galicia que «hai que ser estúpido para pensar que eu vou dicir Desván de los Monjes».

A brillantez política de Roberto Varela Fariña xa nos descolocou con aquilo dunha Cultura Galega «acomplejada» e que «nos limita». Poucos o entendemos. Mesmo algúns impertinentes pediron a súa dimisión. Non o entenderon.

O que realmente buscaba Robert Shortrod Flour -postos a traducir?- non era máis que poñer en valor a defensa do noso. Á vista das reaccións, abofé que o conseguiu. E máis, de seguir así, morremos de éxito.

Outra xoia mediática: Beatriz Mato e Javier Guerra festexan o día da muller dun xeito... singular? Logo do brutal impacto visual atopo «no lixo dos portais de internet que non din máis que mentiras»: O Gran Circo Feijoo existe. Aclaro: foi alá polo 1947. Busquen, busquen vostedes.

Anécdotas, ou non, que non fan máis que desviar a atención do realmente importante, desmerecen a imaxe de Galicia e danlle argumentos a Rosa Díez. Sálvanos que dende o Partido Popular xa se teñen manifestado. Foi Pío García-Escudero o que falou no Senado de «una imagen acomplejada y humillante».