A cidade inmensa

LUGO

A varias persoas lle teño oído dicir, despois de estaren en Mondoñedo por primeira vez, que a cidade lles resultou maior do que parecía nunha primeira ollada. Velaí, se cadra, outra das dimensións de Mondoñedo, que nin sequera o podemos coñecer cunha perspectiva.

Quizais non é doado ver ben Mondoñedo porque para velo hai que estar en Mondoñedo. Un de Burela ou un de Tapia poden ver as súas vilas dende outros lugares da costa, e Castropol ofrece unha das súas mellores imaxes se o contemplamos dende Ribadeo; pero Mondoñedo esixe ese pequeno esforzo, aínda que o resultado ben paga a pena.

¿Como vemos mellor Mondoñedo? ¿Dende Os Paredós? ¿Dende San Caetano? ¿Dende o Padornelo? ¿Dende Os Picos? Calquera posibilidade é boa porque nos ofrece imaxes diferentes, quizais complementarias, ás veces sorprendentes, mesmo necesarias. O que suba ao Padornelo, por exemplo, poderá ver o mar, outra das cuestións que sorprenden a algúns que visitan Mondoñedo por primeira vez: non lles resulta doado imaxinar que o Cantábrico estea tan cerca.

Hai, xaora, outra maneira de ver Mondoñedo: percorrer esas rúas que algunhas veces están baleiras, cun silencio que sorprende e case molesta aos que ven o ruído e a présa como sinónimos de progreso e de modernidade.

O que teña superado todas esas experiencias acabará por descubrir que o Padornelo ten unha forma algo semellante á dun león deitado, que o bosque de Silva é un valioso contrapunto vexetal ao casco urbano e que a cidade se abre polas rúas estreitas ao verde do seu val como unha rosa de pedra e de pizarra. Pero todas esas experiencias son distintas e mellores porque alguén as deixou por escrito, e se foron transmitindo, como palabras feitas polen que viaxa polo aire, mesmo a quen non coñece esas páxinas.

Se estamos en Mondoñedo, podemos ver o sol pasando polo rosetón da catedral, que mandou construír Diego de Soto. Pero tamén, estando aquí ou lonxe, temos o privilexio de ver en certa maneira a cidade polo filtro que nos deixou Álvaro Cunqueiro, ese señor que converteu unha cidade que semella tan pequena nun espazo que nunca damos descuberto de todo.