Co paso do tempo, fixerámonos á idea de que os torques do Museo Provincial de Lugo eran do Museo, e non obxecto dun depósito que no pasado século fixo Álvaro Gil ó centro dependente da Deputación Provincial.
Do mesmo xeito que coidabamos que o áureo carneiro alado, do que tiñamos escoitado proceder de Ribadeo, era unha extraña peza inherente á nosa historia cando só era o produto dunha avispada transacción comercial deste financiero do que queda a memoria de ter sido aliado dos de Antón de Marcos, e como evidencia física un macrochalet de cantería diante do Instituto Lucus Augusti.
Álvaro Gil, con rúa na capital, depositou no Museo unha colección pola que darían o seu brazo dereito (é un dicir) todos os directores de museos de Galicia.
Pero os homes pasan máis rápidos ca os anos, e agora os seus descendentes están en litixio coa institución provincial para recobrar un depósito que ninguén polo de agora ousa tasar.
As pezas da discordia non son para gardar no domicilio particular, vender no mercado libre ou lucir como fixeron os lonxanos devanceiros. Son para un museo. O de Lugo, ou mesmo o que os herdeiros de Gil Varela insinúan podería crearse.
O problema orixínase en tempos dos que non se garda documentación abonda, xa que un depósito así debera estar sustentado por un documento que indicase o como, o cando e sobre todo, o canto. Para saber a que aterse.
Posiblemente Álvaro Gil quedou satisfeito con que o Museo Provincial custodiase o seu tesouro, coa sona de benefactor conseguida e con algunha que outra exención de impostos. Comprensible. Pero agora os herdeiros queren algo máis. Comprensible tamén.
redac.lugo@lavoz.es