Ampla e variada oferta de ocio para o público infantil

La Voz

LUGO

A comunidade de montes de Parga e o Concello de Guitiriz, como organizadores da Feira da cantería, os callos e a artesanía, prepararon tamén para a xornada de mañá toda unha serie de propostas dirixidas aos nenos para que poidan pasalo ben durante este día de festa.

Boa parte das actividades terán como escenario o centro de iniciativas turísticas e o seu entorno. Nestas instalacións terá lugar pola tarde un taller de pintura, no que poderán participar todos os nenos que o desexen. Tamén para o público infantil está pensada a olimpíada de xogos tradicionais que terá lugar a continuación. As actividades para os máis pequenos rematarán cunha gran piñata, á que están invitados todos aqueles que participen nas propostas lúdicas programadas polos organizadores da feira.

A oferta de ocio non remata aquí, xa que durante toda a xornada, os nenos e nenas que queiran poderán realizar paseos en poni. Xa para un público máis adulto tamén está prevista a celebración dun trofeo de kayak polo.

Con todas estas actividades, grandes e pequenos que acudan a Parga na xornada de mañá terán a diversión practicamente garantida.