O estudo dos xacementos de Monforte e Triacastela pode contribuir de forma considerable a incrementar os coñecementos sobre os antigos poboadores do territorio galego, dos que se sabe aínda moi pouco. Estas son algunhas das características principais das dúas especies humanas representadas nestes xacementos. Esta especie habitou en Europa hai aproximadamente entre 500.000 e 250.000 anos. Os fósiles máis coñecidos deste homínido apareceron nos xacementos da Sima de los Huesos de Atapuerca -a maior concentración do mundo, con restos de 32 individuos-, Steiheim (Alemaña) e Swanscombe (Reino Unido). En Franza, Grecia, China e varios países de África localizáronse outros fósiles que tamén parecen pertencer a esta especie. O Homo heidelbergensis posuía unha capacidade cranial media de 1.350 centímetros cúbicos, algo menor que a do home moderno, e probablemente controlaba o uso do fogo. Neandertal. O home de Neandertal, probable descendente do Homo heidelbergensis , apareceu hai cerca de de 230.000 anos en Europa e Asia occidental e extinguiuse -por motivos descoñecidos- hai uns 30.000 anos. Esta especie, da que se coñecen restos fósiles duns 400 individuos, estaba dotada dunha estrutura corporal adaptada aos fríos extremos. Na área cantábrica existen numerosos xacementos neandertais con restos biolóxicos. Os seus últimos redutos parecen ter estado no sur da Península Ibérica. Os neandertais tiñan unha capacidade cranial lixeiramente superior á do Homo sapiens e desenvolveron unha tecnoloxía lítica moi complexa.