Rozas convértese en escenario de actuacións musicais

Cristina López

LUGO

05 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O carácter singular dos espazos nos que se desenvolven as actuacións musicais é un dos sinais de identidade do ciclo Espazos Sonoros, programado pola Consellería de Cultura. Ás igrexas, museos, mosteiros e pazos que xa foron escenario dalgunha actuación durante a primeira edición deste ciclo, súmanse nesta segunda novos espazos, máis orixinais se cabe, como é o aeródromo de Rozas. Nos seus hangares poderase escoitar no mes de xuño desde jazz ata sons experimentais. A segunda edición de Espazos Sonoros arrancará o vindeiro día 15 en Santiago. Ata o 28 de xuño serán un total de 88 concertos os que terán lugar nun total de 27 espazos das catro provincias galegas, protagonizados por 36 formacións musicais dos máis variados estilos e procedencias. Na provincia luguesa, a primeira das actuacións previstas será o día 17 no Museo Provincial, rematando neste mesmo escenario o 27 de xuño. Espazos singulares No caso da provincia de Lugo, ademais de na propia capital, haberá concertos en Guntín, Castro de Rei, Monforte e Cervo. Os escenarios escollidos en cada caso son o Museo Provincial, o pazo de San Marcos (sede da Deputación), o mosteiro de Ferreira de Pallares, o mencionado aeródromo de Rozas, a igrexa de Santa María da Régoa e o Museo de Sargadelos. En canto ás propostas escénicas, abranguen a música vocal, o jazz, a canción de autor, a música antiga e de cámara, o folk, a danza, a música para órgano e tamén música contemporánea e electrónica. Durante os meses de abril, maio e xuño, a música de artistas emerxentes e consagrados da talla de Amandine Beyer e Martina Schobersberger, Lonely Drifter Karen, Rolf Lislevand, Abe Rábade trío, Ensemble Kapsberger ou Le Trío Joubran poderá ser escoitada por aqueles que acudan a esta cita anual coa música. Trátase de diferentes propostas que captarán a atención do espectador a través dun contido visual e musical impactante, pero que á vez contan con proxectos abertos á investigación e á reflexión sonora. É o caso de artistas como Galicia XXI, Meendinho, Nicasio Gradaille, Aleksander Kolkowski, Pierre Bastien ou Escoitar Danza, que amosarán coas súas experiencias a interconexión da música e o espazo que a acolle. Visitas guiadas Ademais de incorporar novos espazos, nesta segunda edición do ciclo hai importantes novidades, como a realización de visitas guiadas nalgúns deses espazos, como o mosteiro de Ferreira de Pallares ou o Museo de Sargadelos, previas aos concertos; a presenza de espectáculos orientados ao público infantil e xuvenil; a celebración de obradoiros musicais; e a interdisciplinariedade dunha programación que vai máis aló do estritamente musical: paisaxes sonoras bailadas da man de Escoitar Danza, xogos músico-vocais con Os Fonocontos ou o circo sonoro de Le Petit Cirque.