Un «top» provisional dos monumentos lucenses

LUGO

A provincia de Lugo ocupa a cuarta parte do inventario de patrimonio galego creado pola Xunta a través de Internet

17 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os monumentos lucenses supoñen ata agora cerca de cuarta parte do inventario do patrimonio galego recollido na web Patrimonio.org, creada recentemente pola Consellería de Cultura.

A páxina recolle actualmente 126 bens histórico-culturais, dos cales 31 están na provincia de Lugo. O catálogo, non obstante, irase incrementando con novas fichas sobre outros monumentos e lugares de interese da comunidade.

A páxina clasifica os bens en dezaséis apartados diferentes. A provincia só está representada en nove castegorías, xa que a web aínda non incluíu referencias aos petróglifos, xacementos megalíticos e medievais, pazos, edificios civís e arquivos históricos que se achan en territorio lucense e que podeían aumentar a cifra de monumentos que recolla a web.

O apartado no que a provincia ten maior presenza é o das igrexas, con doce dos 34 monumentos consignados en toda Galicia. Nesta sección figuran as catedrais de Lugo e Mondoñedo, a igrexas da Compañía de Monforte, Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao), San Pedro Fiz de Hospital (O Incio), Santa María de Pesqueiras (Chantada), Vilar de Donas (Palas de Rei), Soutomerille (Castroverde), San Martiño de Mondoñedo (Foz) e Santiago (Viveiro), así como a capela de San Alberte (Guitiriz) e o templo de Santa Eulalia de Bóveda (Lugo).

Mosteiros

Na categoría de mosteiros, a web recolle os de San Francisco de Lugo, San Xiao de Samos, Santa María de Meira, San Salvador de Lourenzá, San Francisco de Viveiro e o Colexio do Cardeal de Monforte.

No apartado dos monumentos romanos, por outro lado, a muralla de Lugo e o xa citado templo de Santa Eulalia de Bóveda son por agora os únicos que figuran de toda Galicia, xunto coa Torre de Hércules.

Na sección de conxuntos históricos da páxina aparecen os barrios antigos de Monforte, Lugo e Mondoñedo; Na de pontes, están presentes a Ponte Vella de Monforte e a ponte de San Alberte, en Guitiriz, mentres que na dos museos figuran o Provincial de Lugo e o do castro de Viladonga.

Nas seccións dedicadas aos castros, ás fortalezas, ao patrimonio industrial e aos conxuntos etnográficos, a provincia só ten un monumento en cada caso, que son respectivamente o castro de Viladonga (Castro de Rei), o castelo de Pambre (Palas de Rei), as pallozas do Cebreiro e o conxunto histórico de Sargadelos, en Cervo.

Natureza

A web Patrimonio.org inclúe tamén unha sección de rutas monumentais, na que figuran tres itinerarios lucenses: Ribeira Sacra do Sil, Terras do Miño e a Mariña Central.