Os grupos ornitolóxicos galegos aínda non contan con medios suficientes para observar as correntes migratorias nas áreas estratéxicas de Lugo e Ourense
14 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Os grupos de investigación ornitolóxica que se dedican ao anelamento de aves en Galicia estudan a posibilidade de realizar este ano unha nova campaña na comarca de Lemos, onde nos últimos anos desenvolveron varias operacións deste tipo. A intención destas asociacións é intensificar as observacións das grandes rutas migratorias nas provincias de Lugo e Ourense, pero esta idea é actualmente moi difícil de levar a cabo, segundo explican, debido á falta de persoal para realizar de forma continuada este traballo.
«Gustaríanos moito facer un seguimento periódico das poboacións de aves en territorio lucense e ourensán, que son as zonas que temos menos estudadas en Galicia», comenta Franciso Rosende, do grupo de anelamento coruñés Hércules. «O problema que temos é que as nosas asociacións están radicadas nas provincias da Coruña e de Pontevedra e non contamos con xente que resida no interior e que estea disposta a facer este labor nos seus días libres, como facemos nós habitualmente», engade.
Xornadas de anelamento como as que os grupos Hércules, Píllara, Torquilla e Anduriña desenvolveron no municipio de Bóveda no 2004 e no 2007, continúa Rosende, «poden proporcionar datos ocasionais, pero non poden reflectir as flutuacións que experimentan ao longo do ano as poboacións de aves neses territorios. Para coñecer ben a situación da avifauna dunha zona determinada hai que estar facendo observacións continuadas durante oito ou dez anos», agrega.
O ideal, segundo os investigadores, sería realizar anelamentos na comarca de Lemos e noutras zonas estratéxicas do interior todas as semanas durante períodos prolongados. «Iso é o que estamos facendo agora na zona de Ponteceso», apunta Rosende. Un obxectivo máis modesto consistiría en facer observacións durante ao menos un par de semanas en primavera -cando as aves migran para o norte desde o sur da Península e desde África- e entre os meses de agosto e setembro, cando viaxan en sentido contrario. Pero isto tampouco parece factible por agora. Segundo explica Rosende, «facer capturas e anelamentos é un labor sacrificado que require levantarse moi de madrugada, pasar moitas horas no campo, aturar o frío... Non é nada fácil encontrar xente que queira facer un traballo como este de forma desinteresada. Ademais, para obter o permiso oficial hai que ter moita experiencia e superar unhas probas bastante complicadas», apostila.