Koldo Osoro: «El caprino es la especie más indicada para rebaños mixtos»

C. López

LUGO

17 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

As Xornadas técnicas de ovino e caprino, que organiza Ovica e que se celebraron onte no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, estiveron centradas nesta novena edición no aproveitamento silvopastoril e na posibilidade de acceder a superficies non utilizadas, que en moitos casos resultan máis axeitadas para o aproveitamento extensivo por parte do gando ovino e caprino.

Koldo Osoro, da Área de Produción Animal do Servicio Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario (Serida) de Asturias, dedicou a súa intervención ao aproveitamento sostible en breixais e toxais con gando ovino e caprino. Tendo en conta, segundo dixo, que na comunidade galega hai arredor de 650.000 hectáreas de terreos con breixo e toxo, as posibilidades dun aproveitamento dese tipo e con esas especies son moi amplas.

Osoro afirmou que, ao contrario do que ocorre co gando vacún e cabalar, que é moi pouco selectivo á hora de pastar, as ovellas e as cabras si o son, xa que escollen os brotes máis tenros, polo que utilizalas para a xestión sostible dos recursos é todo un acerto. Así, mentres as vacas seleccionan basicamente o trevo e o raigrás, o gando ovino e caprino incorpora á súa dieta o breixo e o toxo, sobre todo no mes de agosto, cando estes arbustos agroman e están máis tenros.

Así as cousas, mentres o gando vacún e o cabalar compiten pola mesma vexetación, ou sexa, pola herba; non ocorre así coas ovellas e coas cabras. Isto levou a Koldo Osoro a sentenciar que «el caprino es la especie más indicada para rabaños mixtos». E non só iso, senón que, ademais de non competir en absoluto co resto das especies, o gando caprino deixa a vexetación máis rica para elas. Boa proba diso é que en experiencias nas que se incorporaron algunhas cabras aos rabaños de vacas, os tenreiros chegaron a gañar un dez por cento de peso, arredor de 100-125 gramos.

Unha vantaxe que esa capacidade de selección lles reporta ás cabras e ás ovellas é que se poden manter no seu peso, mesmo naquelas épocas nas que o gando vacún e o cabalar o perden. Por outra parte, en contra da tendencia cada vez máis estendida de converter todas as superficies en praderías, Osoro avogou por manter superficies con breixos e con toxos para que ovellas e cabras teñan polo menos a opción de pacer nesas superficies, xa que iso resúltalles de grande axuda á hora de regular o seu proceso dixestivo.

Experiencias en Galicia

Aos aproveitamentos silvopastorais nos montes galegos referíronse Xabier Fernández e María Morodo, técnicos de Ovica que están a colaborar coa Consellería de Medio Rural no desenvolvemento dunha serie de proxectos deste tipo. O primeiro paso para elo é analizar a vexetación que ten o monte. Ambos técnicos consideran que unha valorización económica da vexetación espontánea, como uces, toxos, xestas ou silvas, é posible. Independentemente da especie animal que se empregue para o aproveitamento silvopastoral, afirman que o mellor é un pastoreo secuencial. Non obstante, tamén recoñeceron que hai plantacións nas que resulta difícil facer silvopastoralismo porque os animais apenas se poden mover entre os piñeiros.

Entre as experiencias que neste eido se están a levar a cabo en Galicia, os técnicos de Ovica explicaron que este ano se executaron 17 proxectos na provincia de Lugo; mentres que 15 se atopan en proceso. Con vistas ao 2009 hai previstos un total de oito.