O 28 de outubro acordaron comprar dos carros de palla (50 pesetas) para o cárcere, destinados aos xergóns, e aportar 1.500 pesetas para unha estatua adicada a don Benigno Quiroga, que se pretendía instalar en Lugo. O 2 de decembro tomaron coñecemento do telegrama no que se comunicaba o falecemento do Conde Pallares. Acordaron ademais felicitar a Filla Adoptiva de Sarria, dona Andrea Andrés Sánchez e sacar a subasta os servizos públicos. O 16 pagaron as vasoiras do cárcere, o lavado da roupa dos presos e as beirarrúas da Rúa Maior.
E isto foi todo canto fixo en 12 meses aquel Concello, nun ano no que se recibiu o regalo do hospital municipal, se empezou a falar formalmente da traída de augas (botaría a andar en 1920) e se encargou o proxecto para comunicar a capitalidade de Láncara coa do partido, no que se integrara en 1840, e tardouse máis de 70 anos en facerlle acceso, máis polo interese dos lancaríns que dos sarriaos. Non se fala de escolas, agás a constitución formal dunha Xunta de 1º Ensino, satisfeito como estaba o Concello ollando o embigo das magníficas Escolas Públicas doadas por don Matías López, e incapaz de facer nada por mellorar o nivel docente do medio rural, sendo de sinalar que se por lei tocarían 56 escolas, só había 7.
O Concello, integrado endogamicamente por vencellos clientelares propios da fidalguía, só daba entrada a algún que outro comerciante ou labrego rico e na súa maior parte compoñíano ex alcaldes e futuros alcaldes de maneira que en períodos de 30 a 40 anos dáse unha constante repetición de nomes. Dende o antigo hospital de Santo Antón, os munícipes pouco facían por mellorar as condicións de vida dos sarriaos.
1908 foi o ano do Hospital Municipal. E non se debeu ao esforzo dos munícipes, senón a bondade de dona Andrea Andrés Sánchez. Tardarían moitos anos ata que houbo corporacións comprometidas.