O PSOE de Vilalba pide un plan de obras para a zona rural

La Voz

LUGO

O grupo municipal socialista pedirá no pleno do vindeiro luns que se adopte o acordo de reunir a comisión de urbanismo para elaborar o planeamento das obras no rural para o presente ano e para poder debater as distintas propostas, dando prioridade a aquelas obras máis necesarias. Igualmente solicitarán que se proceda ao arranxo urxente dunha serie de pistas municipais que presentan un estado lamentable.

O PSOE de Vilalba lembra que ao longo desta lexislatura presentou moitas propostas para mellorar o estado das pistas do concello, pero o equipo de goberno sempre votou en contra coa desculpa de que a rede de pistas é moi ampla e que se van ir arranxando todas pouco a pouco. Sen embargo, os socialistas consideran que despois de máis dun ano de goberno non se fixo case nada por mellorar o estado desas pistas, a pesares de que nos orzamentos para este ano figuran 800.000 euros para obras no rural.