O antigo cronista oficial de Mondoñedo,?Eduardo Lence Santar, pasou parte da súa infancia na vila e sempre se lembrou dela
06 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O recoñecido cronista oficial de Mondoñedo, don Eduardo Lence Santar e Guitián sempre manifestou especial aprecio para Sarria e as súas xentes, xa que na súa infancia morou na vila, onde o seu pai, don Agostiño Lence Santar, natural de Mondoñedo onde nacera en 1843, e casado con dona Xosefa Guitián, de Portomarín, tivo actividade profesional.
Don Eduardo, que nacera en Mondoñedo en 1877, viviu cos seus pais no número 79 (antigo) da Rúa Maior, no Arrabaldo, e no censo de 1889 figura como estudante. O seu pai aparece como empregado cesante.
Na súa infancia en Sarria publicou un artigo de prensa glosando a Festa dos Maios, única referencias documentada desta celebración que se conserva, onde fixo un retrato de personaxes sarriaos daquel tempo.
Sempre que tivo ocasión, no desenvolvemento dos seus traballos de erudito e investigador, prestou atención a temas sarriaos, e grazas a el coñécese o establecemento en Sarria dos correos reais en tempos de Felipe II, ou o resultado das súas investigacións encol do Mosteiro da Madalena.
Visita a Mondoñedo
O 22 de xuño de 1951 algúns sarriaos viaxaron a Mondoñedo, e aproveitaron a súa presenza no Concello para entaboar animado coloquio co cronista e na compaña de don Pedro López Rubín e don Xosé Penela Castedo. Desa visita é a fotografía que ilustra esta crónica e na que aparecen tamén outras persoas que participaron naquela estancia no Concello
Froito daquela viaxe debeu ser a petición de que adicase algún traballo seu a Sarria e así foi como no libro do San Xoán de 1953 aparece a sinatura de don Eduardo tratando do Mosteiro da Madalena, e ben seguro que entre a súa produción inédita haberá moitas notas e curiosidades relacionadas con Sarria, o seu paraíso infantil.
Foi un home de amplísima cultura, significado polo seu amor a Mondoñedo e aínda soubo gardar para con Sarria e os sarriaos moita consideración e agarimo. Proba diso son as referencias que fai da vila en varios dos seus escritos.