Patrimonio promove a limpeza de dous xacementos arqueolóxicos do Courel e prepara outras intervencións de mellora en diversos puntos da provincia
13 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.No castro de Torre iniciouse onte unha operación de limpeza na que colaboran a Dirección Xeral de Patrimonio e a asociación Serra do Courel, co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade ás visitas turísticas. O referido organismo cooperará tamén coa Consellería de Medio Rural para realizar traballos deste tipo, en datas próximas, no castro de Vilar. Estes dous asentamentos castrexos son os únicos que foron acondicionados ata agora en todo o sur da provincia -dentro dun proxecto arqueolóxico inacabado que comezou a principios dos anos noventa- e a pesar de estar sinalizados desde entón, nos últimos anos foron volvéndose cada vez menos visitables, sobre todo o segundo, debido á vexetación que foi cubrindo de novo os restos das antigas construcións e os camiños de acceso. Na actualidade estase a tramitar a declaración destes dous castros como ben de interese cultural.
Non son estas as únicas iniciativas de acondicionamento do patrimonio arqueolóxico previstas para esta temporada no sur da provincia. Segundo indica Gonzalo Meijide, arqueólogo da delegación provincial de Cultura, Medio Rural tamén está a colaborar con Patrimonio para realizar melloras nos camiños de acceso ao castro de Formigueiros, en Samos, e á veciña necrópole megalítica do monte de Santa Mariña, pertencente ao municipio do Incio. Estas intervencións, apunta Meijide, «forman parte dunha especie de programa que se vai facendo ao andar, sen un proxecto formalmente definido e sen orzamentos propios, pero que vai saíndo adiante pouco a pouco coa axuda de diversos departamentos da Xunta, dos concellos ou de asociacións privadas». Tales actuacións, continúa o arqueólogo, «son nalgúns casos de limpeza, noutros de mellora dos accesos e incluso de sinalización, e en conxunto servirán para fomentar o uso destes xacementos como recurso turístico e educativo». O castro de Moreira, na Fonsagrada, é outro dos que serán obxecto proximamente de operacións desta mesma clase.
Por outra parte, nos próximos meses continuarán os labores de investigación arqueolóxica en diversos castros da provincia. A Dirección Xeral de Xuventude convocou os campamentos xuvenís de traballo que se encargarán durante o próximo verán de proseguir as escavacións nos asentamentos de Formigueiros (municipio de Samos), Augas Santas (Palas de Rei) e Viladonga (Castro de Rei). Patrimonio ten previsto levar ademais a cabo unha sondaxe no castro das Grobas, en Ribadeo. Este ano renudarase tamén a investigación no asentamento de Castromaior, en Portomarín, promovida integramente pola Sociedade de Xestión do Xacobeo. A isto engádese o proxecto de ampliación das escavacións no castro descuberto o ano pasado en Monforte. En Lugo, Cultura estudará a posibilidade de realizar máis pescudas no castro recén localizado na Piringalla. O informe sobre as sondaxes feitas neste xacemento será entregado esta semana á consellería.