Darío Xohán Cabana protagoniza dous libros que se presentan hoxe

La Voz

LUGO

O escritor chairego e académico Darío Xohán Cabana é o protagonista de dous libros que se presentarán hoxe nun acto que terá lugar a partir das oito da tarde no salón de actos da Caixa de Galicia, na praza de Santa María. Organiza a Fundación Manuel María.

A primeira das publicacións é un traballo de conversas no que o protagonista conta moitos aspectos da súa vida e tamén da súa obra literaria. A segunda leva por título: A voz e o silencio . Trátase da bibliografía e estudo en torno ao escritor de Roás (Cospeito). O primeiro dos libros foi editado por Edicións Xerais e o segundo pola Fundación Manuel María da Terra Chá. Os autores dos traballos son Luis Calvo Vidal e Iago Rodríguez Yáñez.

No acto de hoxe está prevista a intervención de Antonio Reigosa, Xosé M. García Crego, os autores dos traballos e o propio escritor. Xulio Xiz intervirá como moderador.

Darío Xohán Cabana, que forma parte da Real Academia Galega, é autor de numerosos traballos tanto en poesía como en prosa. Tamén fixo moitas traduccións. Algún dos seus libros, como por exemplo, Galván en Saor , logrou un notorio éxito de vendas dende a súa publicación. Recentemente preparou unha escolma de poetas de Lugo que editou o Concello recentemente.

Animación á lectura

Dentro das actividades que a Biblioteca Provincial de Lugo organiza para os seus lectores máis novos, hoxe, a partir das seis vaise celebrar unha sesión de animación á lectura a cargo de Fátima Fernández, co título Leoparto Pardo Bepo. A duración aproximada do acto será de 45 minutos.

Presentación dun estudo

O vindeiro luns, ás sete e media da tarde, no salón de actos de Caixa Galicia, terá lugar a presentación do Estudio Sociolóxico sobre o mundo rural de Galicia, que as Cáritas Diocesana de Galicia promoveron durante os anos 2005 e 2006.