A farmacéutica María Moure prepara o estudo máis completo realizado ata agora sobre o uso tradicional das plantas medicinais nas poboacións da montaña lucense
14 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A farmacéutica María Moure Oteyza, natural de Carballo e residente en Santiago, mudarase proximamente a Portugal para realizar unha investigación sobre o uso tradicional das plantas medicinais no país veciño. Este traballo completará a súa tese de doutoramento, da que tamén formará parte un amplo estudo que realizou sobre este mesmo asunto na Serra do Courel e que pon de manifesto unha tradición popular tan extensa como pouco coñecida. Moure recolleu información sobre un centenar de plantas que ata hai pouco tempo eran utilizadas na zona para tratar diversas doenzas de persoas e animais, así como 73 remedios populares confeccionados con estas especies.
A investigadora seguiu os pasos do biólogo madrileño Emilio Blanco, que nos anos noventa fixo o primeiro estudo sobre as plantas medicinais do Courel e que dirixe a súa tese. «Quixen estudar aspectos dos que el non chegou a ocuparse no seu momento, porque só puido facer varias visitas curtas á zona», explica. «Eu pasei un ano inteiro no Courel coa axuda dunha bolsa que me concedeu a Deputación e fixen unhas duascentas entrevistas cos veciños, de modo que puiden incrementar en grande medida a información recopilada por Blanco. Por exemplo, el apenas conseguira recoller unha decena de remedios tradicionais a base de plantas», engade.
Moure cree que a investigación sobre o uso tradicional destas plantas non só ten un grande interese etnográfico e histórico, senón que pode dar pé a realizar descubertas útiles para a ciencia farmacéutica actual. «Non todas as plantas que se utilizan en remedios tradicionais teñen realmente propiedades curativas, pero hai moitas que si as teñen, e entre as que se usaban na Serra do Courel pode haber algunhas que nunca foron investigadas e que sería interesante analizar por ver se teñen compoñentes que poidan aproveitarse para elaborar medicinas», apunta.
Para completar o seu traballo Moure ten que terminar de identificar cientificamente todas as plantas que recolectou seguindo as indicacións dos veciños da zona. Para iso conta coa colaboración do catedrático Antonio Rigueiro, da Escola Politécnica. A investigadora relaciona a importancia das tradicións locais sobre plantas medicinais coa excepcional riqueza biolóxica da zona. Segundo explica, «O Courel é a zona de maior biodiversidade botánica de Galicia porque se encontra nunha área onde se mesturan de forma estreita a flora atlántica e a mediterránea. Como hai tantas especies vexetais diferentes, é lóxico que as poboacións da serra fosen acumulando ao longo dos tempos unha cantidade moi grande de coñecementos sobre plantas medicinais». Uns coñecementos que atesoura un número cada vez máis reducido de persoas e que é importante recoller canto antes.
Entre as informacións recollidas por Moure no Courel abundan as curiosidades. Unha delas é o uso que se lle daba tradicionalmente ao fungo que na zona chaman fungato, coñecido máis habitualmente como peido de lobo ( Lycoperdon perlatum ). «A xente utilizaba as esporas deste cogomelo como desinfectante de feridas e para tratar os grans e outros males da pel, pero non sei ata que punto poden ter efecto antiséptico», explica.
Tamén están por investigar as propiedades medicinais que na zona sur da serra se atribuían ao fento real ( Osmunda regalis ), chamado polos veciños dentragón. «Din que se usaba para curar feridas, para a febre e mesmo para a tuberculose. O nome local vén da raíz da planta, da que dicían que semella unha boca aberta», comenta. Outro caso curioso é o da chamada herba da cobra, unha especie foránea que segundo os veciños foi traída de Cuba no século XIX e que o botánico Emilio Blanco identifica como oriunda das Canarias. «Esta planta usábase para curar as picaduras das víboras nas ubres das vacas e, segundo a tradición, na noite de San Xoán movíase e facía un ruído como o asubío das serpes», afirma. Durante a súa estadía no Courel, experimentou por si mesma algún dos remedios tradicionais a base de plantas que seguen a empregar os veciños. «Unha vez pillei unha dor de costas cando camiñaba con tempo frío por Romeor e aconselláronme darme unhas fregas cun licor que se fai macerando follas de ruda e dentes de allo en alcohol. Probei ese remedio durante uns días e a verdade é que notei alivio», afirma.