O grupo Vilares e a Universidade de Santiago asinaran a principios deste ano un convenio que fixo posible a posta en marcha dun curso de experto en construción sostible, que se empezará a impartir dende mañá na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. Paralelamente a este curso xorden agora unhas Xornadas sobre construción sostible, nas que, ademais do citado centro universitario e o grupo construtor, colaboran Caixa Rural e Caixa Galicia.
O director do grupo Vilares, Carlos Vilares; o organizador do curso, Manuel Torres; e o director general de Caixa Rural, Cayetano López, presentaron onte as citadas xornadas, que constan de varias mesas redondas. A primeira celebrarase o día 26 e versará sobre a rehabilitación de espazos e a súa integración urbana. Entre os participantes nesta mesa figura o arquitecto César Portela. As enerxías alternativas e renovables aplicadas ao sector da construción será a cuestión a abordar na segunda das mesas redondas, que contará, entre outros, coa presenza de representantes do Inega e que terá lugar o 8 de novembro.
Para o 22 dese mesmo mes está prevista a presentación dos premios Inspira, convocados polo grupo Vilares para premiar un proxecto ou unha idea que contribúa a aplicar novas alternativas de desenvolvemento sostible en xeral e de construción sostible en particular. Están abertos a todo o ámbito galego, tanto a nivel individual como grupal, e poderán presentarse tamén os proxectos finais dos matriculados no curso de experto en construción sostible.
A última das mesas redondas previstas celebrarase o 14 de decembro e estará dedicada á cidade e o entorno. Nela, o presidente do Colexio Superior de Arquitectos de España, Carlos Hernández Pezzi, tratará de dar resposta á pregunta ¿que se entende por cidade sostible? Todas estas mesas redondas terán lugar na Fundación Caixa Galicia.
Carlos Vilares destacou na presentación destas xornadas, que son abertas e gratuítas, que se trata dunha iniciativa derivada da necesidade de especialización detectada na sociedade en xeral, ademais das derivacións normativas do Código Técnico da Edificación e a concienciación de boas prácticas ambientais.
Pola súa banda, Manuel Torres amosouse moi satisfeito polo éxito de convocatoria do curso de experto en construción sostible que dará comezo o venres na Politécnica, xa que se cubriron amplamente as 35 prazas dispoñibles, chegando a haber ata 48 inscritos. Do alumnado seleccionado, o sesenta por cento son arquitectos, mentres que o resto son enxeñeiros de distintas ramas.