O epicentro da vila sarriana

Xaime López Arias SARRIA

LUGO

PENOUCOS

Crónica | Villa Andrea Esta emblemática casa foi construída por don Matías López e serviu para albergar distintas actividades e asociacións. En 1994 pasou a ser un espazo público e punto de encontro de veciños

02 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Exemplo de tesón e traballo, don Matías López, o máis xeneroso e meritorio sarriao de tódolos tempos, sinxelo de carácter e filántropo desprendido, promoveu a construción de Villa Andrea, como quinta de vacacións, dando fronte a Estrada de Valdeorras, que máis adiante recibirá o seu nome. Matías López López naceu o 17 de maio de 1825 nunha pequena e pobre casa con fronte ao primeiro treito do Arrabaldo (agora parte baixa da Rúa Maior) e con traseira o Calellón (agora Travesa da Igrexa), no seo dunha das familias de menos recursos da vila. O seu avó paterno, Xosé López Moreno, casou con Xoana Rivas (filla de Eusebio Rivas e Francisca Rivas), labregos. O seu pai, Francisco López Rivas (López Moreno para distinguilo doutros Francisco López que había na vila), casou con Dominga López (filla natural de Rosa López, de Fontemaior, na Pinza, quen casara cun taberneiro da Brea. Emigrado a Madrid, sendo moi novo, con esforzo, aforro e traballo, chegou a ser un dos homes máis ricos do seu tempo, vendo recoñecido o seu valer con actas de deputado en Cortes, nomeamento de senador vitalicio, ou encargado da organización da presenza de España na Exposición Internacional de París. Construción Comprou varios terreos na Alvareda onde alzou, seguindo corte tipicamente francés, Villa Andrea, cunha casiña anexa (a casa do hortelán), cabaleirizas e adega, edificacións ás que andando o tempo se engadirá unha capela baixo a advocación da Virxe do Perpetuo Socorro. Coa chegada do ferrocarril, don Matías López, a súa esposa dona Andrea (que foi quen deu nome a finca), e os seus fillos acoden con frecuencia a Sarria, e mesmo algúns dos seus netos naceron en Sarria e un deles morreu na vila. Precisamente para festexar o nacemento do seu neto, don Matías de Oñate López, fora plantado un abeto pinsapo, magnífico exemplar que foi gloria do parque de Villa Andrea e orgullo de Sarria ata que caeu vítima de brosas e machados, nunha acción de insensibilidade. Villa Andrea, entre 1891, ano da morte de don Matías López e 1965, vai ser un dos centros da vida social e cultural da vila de Sarria, primeiro baixo a éxida de dona Andrea, que só tera atencións para con Sarria, e máis adiante co pulo dado por don Matías de Oñate López e dona Ana Prendergast e a inesquecible Rosita Oñate. Teatro, actividades xuvenís, a Cruz Vermella, os Boy Scouts, a edición de xornais como El Estrellao e Sarria programacións relixiosas, xiras e excursións terán neses anos como marco de creación Villa Andrea. A numerosa familia Oñate na preguerra e na posguerra fixo activa vida no palacete, e máis adiante, tódolos veráns, os rapaces e rapazas Oñate enchían a vila coa súa afabilidade e dinamismo, creando duradeiras amizades. Os tempos mudaron e durante algún tempo Villa Andrea acolleu as orixes do Colexio da Asunción en Sarria, ata que se fixo o edificio de Lama da Gándara. Como consecuencia de partillas, Villa Andrea foi adquirida por familias de Sarria, e por algún tempo houbo o proxecto de construír un salón de cine na parte Oeste do parque, e anos despois o Concello acordou tramitar a expropiación do que restaba no parque (a casiña do hortelán e unha parcela xa foran vendidas) así como de outros terreos inmediatos para facer a Praza da Vila, conservando a casa principal a capela e algúns elementos singulares do parque. Villa Andrea e a Praza da Vila, desde 1994 son espazo aberto ao lecer e punto de encontro para tódolos veciños.