REN DE REN | O |
27 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.AGORA é cando o condutor imprudente se dá conta de que a chulería sae cara. Porque non son só os 170 euros que deberá pagar por acudir a un curso de reciclaxe, senón os gastos de desprazamento (a todo aquel que vive fóra da capital, de Foz, Vilalba e Monforte) e os trastornos que isto lle ocasionará. Porque o do carné por puntos non era broma; non era só cuestión dunha campaña publicitaria ben pagada e con moito tirón. O do carné por puntos é unha medida preventiva. Desas que con tan boas palabras reclamamos desesperadamente cando lle vemos as orellas ao lobo. Esas medidas que lles esiximos ao Estado cando aumenta o número de mulleres que morren a mans dos seus compañeiros, cando non cesan as agresións nos centros escolares ou cando os ladróns se encariñan con determinadas urbanizacións. O carné por puntos é desas medidas, pero a hipocrisía non lla permite ver como tal a aqueles que o que máis lle doen son os cartos.